Unha manifestación na defensa do territorio confrontará as políticas mineiras da Xunta

Unha manifestación na defensa do territorio confrontará as políticas mineiras da Xunta
[Imaxe Salvemos Cabana]
[Imaxe Salvemos Cabana]  SG

Milleiros de persoas están chamadas a se mobilizaren este domingo en Compostela contra a minaría salvaxe convocada pola Rede de colectivos contra a minaría destrutiva na Galiza


Contra á mina. Acción. Con ese xogo de palabras a rede de colectivos contra a minaría destrutiva na Galiza decidiu saír á rúa este domingo 2 de xuño. Día Internacional do Medio ambiente. A manifestación sairá ás 12.00 horas da Alameda de Compostela e rematará na Praza da Quintana. 

Desde a organización denuncian que o concello de Compostela tentou "silenciar os milleiros de voces" que se prevé asolagarán este domingo as rúas da capital galega, logo de que o concelleiro delegado, Juan de la Fuente denegase a instalación dunha toma de luz con motivo da mobilización. Porén, desde a rede de colectivos contra a minaría destrutiva advirten que "non calarán" malia os atrancos administrativos que desde o PP se queiran pór. 

Contra a minaría salvaxe, a defensa do territorio
Nesta primeira acción de protesto, as organizacións, colectivos e plataformas que integran ContraMINAcción procuran expresar o seu rexeitamento ao "incremento de concesións mineiras" que a Xunta de Galiza está a desenvolver "sen atender", denuncian, "a salvagarda de espazos protexidos, comunidades humanas e o medio ambiente" valéndose dunha suposta xeración duns poucos postos de traballo. 

 A aprobación do Plan sectorial de actividades extractivas presentado pola Xunta de Galiza, suporía un importante chanzo para legalizar boa parte dos proxectos mineiros que actualmente desenvolven a súa actividade no país, porén, incrementaría e facilitaría o número de minas convertendo até o 62% dos concellos galegos en potenciais emprazamentos para novas explotacións mineiras. Aliás, prevé a concesión de máis de 500 licenzas --para alén das que xa foron concedidas-- e mesmo converte en papel mollado a normativa vixente que protexe unha parte importante do territorio contra a instalación deste tipo de actividades extractivas. 
 
 A serra do Galiñeiro, A Fonsagrada, a Terra Chá, Corcoesto, Xinzo de Limia... son algúns dos lugares do país onde empresas transnacionais puxeron o seu punto de mira para se instalaren mesmo --como é o caso da comarca Eo, Oscos Terras de Burón-- cando se trata de espazos protexidos pola Rede Natura. 

Desde a Rede de colectivos contra a minaría destrutiva chaman á cidadanía a se mobilizar contra un modelo "depredador" que, din, pon en perigo "o noso medio rural e o noso futuro".