PIDEN A DEVOLUCIÓN DO INMOBLE AO POBO

A familia Franco négase a abrir o Pazo de Meirás no mes de agosto por estar "de vacacións"

A familia Franco négase a abrir o Pazo de Meirás no mes de agosto por estar "de vacacións"
[Imaxe: Wikipedia]
[Imaxe: Wikipedia]  

Neste mes de agosto, o Pazo de Meirás estará fechado ao público, xa que a familia Franco se nega a abrir as portas ao estar “de vacacións”. Un ano máis, a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña exixe que se restitúa ao patrimonio público o inmoble.


Malia a obriga de abrir ao público do Pazo de Meirás, logo de ser declarado Ben de Interese Cultural, todo apunta a que as portas deste inmoble histórico ficarán fechadas durante todo o mes. A razón non é outra que “as vacacións” da familia Franco, que estará este mes de agosto neste edificio roubado polo ditador ao pobo sadense.

A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña acusa a Xunta de Galiza de ser “cómplice” desta situación e de “agochar a súa responsabilidade” ao non exixir que se cumpra a lexislación. Para a CRMH o PP, que “nunca condenou o franquismo”, é “coherente” coa permisividade que “sempre” tivo coa familia Franco.

Nesta liña, a CRMH rexeita que a Xunta lle permita aos descendentes do ditador “que sigan veraneando no Pazo de Meirás, que foi roubado ao pobo mediante impostos revolucionarios”. Estes “impostos”, explican, consistían no desconto nas nóminas de centos de traballadores públicos para pagar a compra e acondicionamento do pazo á familia Emilia Pardo Bazán e nas achegas de máis dun 15% dos orzamentos municipais dos distintos concellos da comarca da Coruña.

A ninguén se lle pasa pola cabeza que en Italia ou Alemaña as familias de Mussolini ou Hitler sigan gozando das riquezas que tiñan os seus parentes

As asociacións pola recuperación da memoria histórica levan anos reivindicando a restitución do pazo ao patrimonio público. “Non valen que se abra ao público catro, seis ou oito días ao mes, se a familia Franco quere veranear en Galiza, que se pague un hotel”, sinala a CRMH. “A ninguén se lle pasa pola cabeza que en Italia ou Alemaña as familias de Mussolini ou Hitler sigan gozando das riquezas que tiñan os seus parentes, máxime se esas riquezas tiñan moito que ver co estado italiano ou co alemán”, engade.