DÍA DA CLASE OBREIRA GALEGA

Un 10 de marzo para avanzar

Un 10 de marzo para avanzar
Monumento en Ferrol ao 10 de Marzo.
Monumento en Ferrol ao 10 de Marzo.  

Como un cordón umbilical, o 10 de marzo deste 2019 conecta con aquel 10 de marzo de 1972 que forxou o Día da Clase Obreira Galega. Case medio século no que a clase traballadora se reclama como un suxeito protagonista na historia deste país.


“Daniel ía uns dous metros diante miña, co buzo debaixo do brazo. Recibe un tiro e cae dobrado, cara a atrás, diante miña”. Daniel é Daniel Niebla, un dos dous obreiros asasinados (o outro é Amador Rey) na represión policial do 10 de marzo de 1972 contra os traballadores de Bazán que se manifestaban en Ferrol. Quen lembra, Rafael Pillado Lista, dirixente na altura do PCE e CCOO. “En Ferrol había entón, e despois de moitos anos de construción, un movemento obreiro potente, forte e organizado”, sostén. Algo que o franquismo sabía ben e que lle preocupaba.


O responsábel dos servizos secretos franquistas, Coronel Sanmartín, recolle no seu informe El libro rojo de la subversión que entre as zonas perdidas para o réxime de Franco están as minas asturianas, o País Vasco e “Bazán e a Ría de Ferrol”. Pasou case medio século desde aquela.


O 10 de marzo está asentado no calendario de Galiza como o Día da Clase Obreira Galega, en homenaxe a aquelas loitas, aqueles operarios e aquela e esta clase. Este domingo varias mobilizacións percorrerán o noso país da man dos diferentes sindicatos para conmemorar esta data.


A CIG chama a mobilizarse para exixir que se derroguen as reformas laborais e as políticas executadas coa escusa da crise porque cada día que pasa medra a precariedade, a pobreza laboral e continúa a perda xeneralizada do poder adquisitivo da clase traballadora galega. Desde Comisións Obreiras, e coa vista posta no ciclo electoral do 28-A e 26-M, sinalan que “os desexos de progreso social, de dereitos e de igualdade esixen un esforzo de mobilización unitaria, un esforzo xeneroso que garanta un panorama electoral asentado nos valores e principios comúns da esquerda, capaz de conformar unha maioría parlamentaria que sexa o espello da maioría social que representa a clase traballadora”. CCOO e a súa Fundación conceden este ano os Premios 10 de Marzo a Tensi Álvarez Folgar, Melchor Roel Rivas (póstumo) e Xan López Facal.

Mobilizacións (CIG). 'Recuperar dereitos para avanzar':

Vigo: Manifestación desde a Dobrada ás 12h

Pontevedra: Praza da Peregrina, 12h

Vilagarcía: Praza de Galiza, 12h

Compostela: Praza Roxa, 11:30h

A Coruña: Manifestación desde a Praza de Vigo ás 12h

Ferrol: Manifestación desde o Monumento ao 10 de marzo ás 12h

Lugo: Manifestación desde o Edificio Sindical ás 12h

Ourense: Praza do Ferro, 11:30h


 

Mobilizacións CCOO. 'En unidade, con memoria. É o momento':

Ferrol. 11:30 h. Saída da manifestación do monumento ao 10 de marzo.