118.000 contratos para 6.000 empregos

118.000 contratos para 6.000 empregos

Galiza continúa a bater récords en temporalidade laboral: 20% de aumento en catro anos.


Os datos do paro rexistrado no mes de xullo deixaron para Galiza uns dados que axiña o goberno salientou como positivos: o desemprego descendeu en 6.000 persoas. Porén, nada dixo da letra pequena deses datos: que en xullo se asinaron 118.000 contratos, na inmensa maioría temporais.

 

Levamos varios anos batendo récords en Galiza no que respecta a número de contratos asinados. Mesmo durante os anos máis duros da crise, con destrución de emprego, aumentaban as estatísticas de contratos que se rubricaban no noso país. Así, se ben entre 2009 e 2011 descendeu a cifra de contratos, a partir dese ano comezou a aumentar embora seguirse a se destruír emprego. O motivo, a temporalidade.

 

A estas alturas o nivel de temporalidade que hai no mercado laboral galego non sorprende a ninguén. Existía antes da crise, mais a recesión fixo que se alargase, que se estendese, a cabalo das reformas laborais. A día de hoxe, a temporalidade ofrece dados en Galiza que son para máis que preocuparse.  Un de cada tres contratos laborais que se asinaron no noso país en 2017 tiña menos dunha semana de duración.Foron 343.000 (34% do total) e aumentaron 10% a respecto do ano anterior.

 

Ademais, case 11% dos contratos e n2017 tiñan unha duración de entre unha semana e un mes. Ou sexa, que 45% de todos os contratos que se formalizaron no noso país no ano pasado non superaron o mes de duración. Por el contra, do máis do millón de contratos de 2017 menos de 5% eran indefinidos. E os que tiñan como duración máis dun ano ficaban en 0,4%.



x