30 de marzo: festa en Ferrol aos sons tradicionais e de AC/DC para celebrar unha conquista obreira

30 de marzo: festa en Ferrol aos sons tradicionais e de AC/DC para celebrar unha conquista obreira
greve auxiliares naval navantia ferrol
greve auxiliares naval navantia ferrol  

Un gran acto celebrará ese día en Ferrol que os acordos das auxiliares do naval se incorporen ao convenio do metal de maneira indefinida, un pacto que se ratificou esta terza feira.


Foron semanas de loitas, greves e mobilizacións as protagonizadas polos operarios da industria auxiliar do naval da Ría de Ferrol. Navantia até levou a xuízo un sindicato, a CIG, pola folga do persoal da industria auxiliar, exixíndolle indemnizacións millonarias por aquel conflito. Mais todaaquela loita callou nun acordo polo cal os acordos das auxiliares pasan a incorporarse ao convenio de maneira indefinida. “Un enorme éxito da clase obreira”, para CIG-Industria, que anuncia para o 30 de marzo un “gran acto” para celebrar esta conquista.

Esta terza feira a Asociación de empresas do sector naval público da Ría de Ferrol' e as organizacións sindicais ratificaban os acordos alcanzados o pasado mes de novembro para o sector. Os acordos laborais e salariais pasan a incorporarse no convenio colectivo do metal da Coruña como disposición adicional, adquirindo toda a forza normativa e a ultraactividade deste último.

Durante o acto, as partes acordaron tamén constituír unha comisión de seguimento para o control da correcta aplicación dos acordos, que terá a súa primeira reunión o día 13 de marzo.

"Ultimamente a clase obreira ten pouco que celebrar e o logro conquistado polos traballadores e as traballadoras das auxiliares ben merece unha celebracións", afirman desde CIG-Industria. O acto contará coas actuacións do grupo de música tradicional "Os Carecos", a banda ferrolá de folk celta "BÖJ" e a banda tributo a AC/DC, "Riff Raff".

"Este será a merecida homenaxe á longa loita que tiveron que levar adiante os traballadores das auxiliares para regular as condicións laborais e económicas e que se recoñeceran plenamente os seus dereitos", conclúen