O 94% das persoas que deixan o seu posto laboral para coidar familiares son mulleres

O 94% das persoas que deixan o seu posto laboral para coidar familiares son mulleres
Coidados
Coidados  

En Galiza aumentou nun 24% o número de persoas que abandonaron os seus postos de traballo para dedicarse ao coidado de familiares con dependencia ou con diversidade funcional.


As mulleres son o 94% das persoas que en Galiza deixan o seu posto de traballo para atender os coidados de familiares con dependencia ou diversidade funcional. Segundo o estudo publicado pola Fundación Addeco a maioría ten unha idade superior aos 45 anos. Trátase por tanto dunha franxa poboacional 100% feminizada, como salientou o presidente da fundación, Francisco Mesonero, e cunha media de idade en que se atopan maiores dificultades no regreso ao emprego.

A maioría ten unha idade superior aos 45 anos

Desde a CIG, na campaña de sinaturas que lanzou en marzo xa apuntaban nesa liña reclamando melloras urxentes para que todas as persoas dependentes teñan unha atención adecuada a través de servizos públicos e tamén para ir dando pasos na consecución dunha igualdade real entre mulleres e homes, “dado que é sobre elas sobre as que recae a inmensa maioría de traballo de coidados e atención”, afirmou hai unhas semanas a Sermos Galiza a secretaria de Organización da central sindical nacionalista, Susana Méndez.

O número de persoas que abandonaron o seu posto de traballo para dedicarse aos coidados aumentou nun 24%

O informe de Addeco tamén sinala que o número de persoas que abandonaron o seu posto de traballo para dedicarse ao coidado dalgunha persoa familiar con dependencia ou diversidade funcional aumentou en Galiza ao longo de 2018 nun 24%. Galiza contaba pois a finais do pasado ano con 5.400 galegas e galegos que non buscaban emprego por ter que dedicarse aos coidados.

Segundo o estudo, o número de galegas e galegos que se acollen á prestación como persoa coidadora non profesional na contorna familiar ascende en Galiza a un total de 12.810. A Fundación Adecco sinala que, entre as 500 persoas enquisadas para elaborar o informe, un 55% atópase traballando e o 92% atopa dificultades para compaxinar a súa vida persoal e profesional.

Os últimos datos indican que máis de 1.500 persoas das que teñen solicitado o recoñecemento do grao de dependencia seguen agardando por unha resolución

Nese sentido, desde a CIG xa denunciaron o resultado que deixan as últimas cifras publicadas polo IGE en marzo de 2019, xa que amosan que máis de 1.500 persoas das que solicitaron o recoñecemento do grao de dependencia seguen agardando por unha resolución, e das máis de 67.000 que si teñen recoñecido o grao e a prestación de servizos, perto de 12.000 seguen sen obtela. Mentres, iso está a implicar, como denunciou Méndez, que as mulleres se ocupenn das tarefas de coidados e atención que desde a administración pública non se está a cubrir. Apuntou que se trata “dun rol que teñen reservado tradicionalmente por esta sociedade patriarcal, porque son as mulleres quen solicitan excedencias para coidar, porque son elas as que sofren os recortes nos servizos públicos e na dotación de cadros de persoal dos mesmos”.