Absolven o sindicalista da CIG de Vigo acusado por unha pintada

Absolven o sindicalista da CIG de Vigo acusado por unha pintada
[Imaxe: CIG] O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, tamén arropou ao sindicalista Carlos Martínez.
[Imaxe: CIG] O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, tamén arropou ao sindicalista Carlos Martínez.  

O Ministerio Fiscal non solicitou condena e tampouco a denunciante polo que a decisión xudicial absolutoria é firme.


O Xulgado de Instrución número 2 de Vigo resolveu absolver esta terza feira 15 de outubro a Carlos Martínez Lamosa, responsábel de Transportes da FGAMT-CIG de Vigo, após que a Fiscalía non solicitase a súa condena ao entender que os feitos dos que se lle acusaban, a realización dunha pintada no conflito polo convenio das ambulancias, non constitúen un delito leve de danos.

A fiscalía argumentou a súa decisión asegurando que os feitos xulgados non se poden incluír no tipo penal de delito leve de danos e que en todo caso a sanción debera ir pola vía administrativa. O avogado da CIG adheriuse ás razóns esgrimidas pola Fiscalía e incidiu en que en ningún momento quedou acreditada a autoría dos feitos que se lle imputaban a Lamosa.

Desde o gabinete xurídico da CIG sinalan que antes da reforma do Código Penal este tipo de feitos eran tipificados como falta mais agora son considerados delitos leves polo que inclúen antecedente penais.

Solidariedade sindical

Unha hora antes da vista a CIG realizou unha concentración diante mesmo dos xulgados vigueses. Na protesta, despregouse unha faixa na que se podía ler  Stop represión contra o sindicalismo nacionalista e berráronse consignas como “Código penal, para a patronal” ou “Non hai represión que pare a loita obreira”.