O número de traballadoras e traballadores mortos en accidente laboral na Galiza aumentou en 16%

O número de traballadoras e traballadores mortos en accidente laboral na Galiza aumentou en 16%
Simulacro de emerxencias
Simulacro de emerxencias  

En 2018 un total de 50 traballadores e traballadoras perderon a vida, sete máis que no exercicio anterior. No noso país rexístrase unha media de tres sinistros laborais cada hora.

 


Un total de 27.941 accidentes laborais con baixa en xornada laboral en Galiza durante 2018. Tres sinistros cada hora. O ano pasado morreron en accidentes de traballo 50 persoas no noso país, o que supón 16% máis que en 2017. Naquel ano perderon a vida en accidente laboral 43 persoas. Son dados do avanzo publicado polo Issga, o Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galiza, organismo autónomo mais adscrito organicamente á Consellaría de Traballo.

Pesca e Agricultura foron os sectores onde máis aumentou a mortalidade a respecto do exercicio anterior: 66 e 75%. O ano pasado perderon a vida 7 agricultores e 10 mariñeiros. En Industria houbo 5 falecidos, 11 na Construción e 17 no sector Servizos.

Os dados do Issga recollen que do total de 27.941 sinistros laborais con baixa que houbo no noso país, 27.461 foron leves e 430 de carácter grave.

No que vai de década (2010-2018) morreron na Galiza en accidentes laborais perto de 500 traballadores e máis de 4.000 sufriron feridas de carácter grave. Nese período, o exercicio con máis vítimas mortais fora o 2010 (64 persoas falecidas).

Continuamos a ter que falar dun problema grave perante o cal patronal e administración públicas continúan a ter responsabilidades. Así, o goberno español non acata os compromisos adquiridos ao ratificar a Carta social europea en 1980, en materias tan relevantes como a redución de accidentes de traballo. Denunciárao o sindicato CIG: o Estado español incumpre varios preceptos da Carta social europea segundo un relatorio elaborado polo Comité europeo de dereitos sociais, organismo independente, que fai parte do Consello de Europa. 
 

Entre as vulneracións da Carta Social Europea comprobadas polo Comité, destaca a insuficiencia de medidas para reducir o número de accidentes de traballo, que aumentou no período de referencia, nomeadamente nos sectores da agricultura e os servizos, salientando o aumento do número de vítimas mortais e non mortais. A partir do estudo de datos estatísticos e da comparación coa incidencia noutros estados membros da Unión Europea (UE), o Comité conclúe que a frecuencia dos accidentes é demasiado elevada como para considerar que o exercicio do dereito á seguridade e á hixiene no traballo (artigo 3.2 da Carta) está garantido no Estado español.



x