Aena insiste en eliminar o servizo de cantina para traballadoras e traballadores de Lavacolla

Aena insiste en eliminar o servizo de cantina para traballadoras e traballadores de Lavacolla
Interior do aeroporto de Lavacolla.
Interior do aeroporto de Lavacolla.  Foto: Concello de Santiago

O conflito do aeroporto de Santiago de Compostela-Rosalía de Castro chegou ao Congreso dos Deputados a través dunha serie de preguntas parlamentarias do deputado de Bildu, Jon Iñarritu.


Aena non senta a falar coas traballadoras e traballadores mais mantén a súa postura: non licitará o servizo de cantina en Lavacolla no próximo concurso, porque, segundo argumenta nas respostas ao Congreso, mantivo “contactos con diversas empresas de restauración e catering” pero ningunha amosou “interese na súa xestión”.

A representación das traballadores e traballadores, que ten convocadas tres xornadas de folga para os próximos días 13, 20 e 27, pon en dúbida a vontade da empresa de licitar o servizo e lembra que a lei esixe que cando se tiveran realizado consultas, farase constar nun informe no que se “relacionarán os estudos realizados e os seus autores, as entidades consultadas, as cuestións que se lles formularon e as respostas ás mesmas”. Os sindicatos din que tal informe non se atopa no expediente e que “en todo caso, non entenderíamos que unha empresa pública deixara ás empresas que pretenden concorrer á concesión dos negocios de restauración do aeroporto de Santiago decidir se a cantina entra no lote ou non”, segundo un comunicado feito público esta mañá pola coordinadora de comités.

As traballadoras e traballadores, subliña o comunicado, estarían dispostas a utilizar como alternativa á cantina de persoal os servizos de restauración do aeroporto, pero cos prezos que viña tendo o persoal nos últimos 64 anos e non só aos de Aena. A coordinadora de comités tamén lamenta “a total falta de consideración da dirección do aeroporto porque volveu denegar a sala de prensa, desta volta para realizar unha asemblea de traballadoras e traballadores”.