“Que alternativa nos queda?”: Amplo seguimento da folga contra a deslocalización de emprego por R

“Que alternativa nos queda?”: Amplo seguimento da folga contra a deslocalización de emprego por R

O persoal de Comfica e Indra secundou o paro de 24 horas, que terá continuidade nunha nova convocatoria para o día 31, para exixir o mantemento dos empregos na Galiza.


Desde a adquisición de R por parte de Euskaltel (ambas propiedade agora do fondo británico Zegona), a empresa iniciou un proceso de traslado dos servizos cara a Asturias e Euskadi, que afecta especialmente os labores de operacións e mantemento -na súa maior parte subcontratados- pero que tamén incide noutros servizos como atención telefónica ou enxeñaría. Esta deslocalización xa provocou os primeiros despedimentos (18 na empresa Comfica) e pode afectar centos de empregos.

Traballadores e traballadoras de Comfica e Indra na provincia da Coruña secundaron a primeira xornada de folga de 24 horas para esixir o mantemento dos empregos e información precisa tras o anuncio feito por R de que lle retirará os servizos que até agora lle pretaban.

O delegado da CIG en Comfica, Luis Ínsua, lembrou que o traballo que R quere entregar a ZTE (a empresa de mantemento de Euskaltel) leva sendo prestado polo mesmo persoal desde hai anos, xa que foi subrogado de contrata en contrata. “Hai xente que traballa facendo o mesmo servizo para R desde hai 20 anos”, subliña. “A empresa non quere falar directamente de despedimentos, pero se non hai recolocación nin subrogación, que alternativa nos queda?”, pregúntase.

Agora, a decisión de Euskaltel de retirarlle os contratos a estas empresas e deslocalizar os servizos fóra de Galiza deixa na máis absoluta incerteza o futuro destes postos. Tampouco axuda que nas reunións coa dirección de Comfica, esta confirmara a perda dos contratos de Nivel 2 e Nivel 3, que non recolocará o persoal afectado e que ZTE (a nova contrata) xa advertiu que non procederá á subrogación porque ten traballadoras e traballadores de seu. 

O delegado da CIG tamén cuestionou os problemas que pode carrexar o traslado dos servizos fóra de Galiza, tendo en conta que as diferentes contratas dan soporte non só a particulares e empresas, senón tamén ás administracións, e de feito, hai unha contrata que se dedica en exclusiva a atender o servizo do Sergas.