Amplo seguimento na terceira xornada de greve nas ambulancias, segundo a CIG

Amplo seguimento na terceira xornada de greve nas ambulancias, segundo a CIG
ambulancias greve cig
ambulancias greve cig  

O terceiro día de greve no sector das ambulancias rexistra un seguimento de practicamente 100% do persoal, segundo informa a CIG, e iso, din, a pesar dos “abusivos servizos mínimos decretados pola Consellaría de Sanidad”.

 

O responsábel de Transportes da CIG, Xesús Pastoriza, denunciou que a patronal se nega mellorar o novo convenio colectivo, e aposta en “precarizar as condicións e impor rebaixas salariais”.  Pastoriza alertou da precarización que se dá no sector xa que as empresas están a utilizar os contratos en prácticas para cubrir os cadros de persoal de maneira barata. "Os traballadores con estes contratos cobran 60% do salario durante o primeiro ano e 75% no segundo, pero traballan o 100% da xornada como calquera dos seus compañeiros e compañeiras. Esta situación haina que controlar", asevera.

 

Xunto a isto explica que se está a producir un exceso de carga de traballo, xa que nos dous últimos anos aumentaron os servizos a realizar en 20%, pero esta maior actividade non foi acompañada dun incremento do número de ambulancias nin dos cadros de persoal.

 

O sindicalista criticou  tamén que o Sergas impoña estes "servizos máximos" ao tempo que se desentende da situación dos traballadores e traballadoras do sector.  A greve continuará na xornada de quinta feira 7 de xuño. De non producírense avances, xa están previstas dous días máis de paro para o mes de xullo e greve indefinida a partir de setembro.

 



x