Amplo seguimento da nova xornada de folga nas contratas de R contra a deslocalización de emprego

Amplo seguimento da nova xornada de folga nas contratas de R contra a deslocalización de emprego

Están en xogo centos de empregos, advirten os sindicatos, que instan a Xunta a se implicar.


Os traballadores e as traballadoras de Comfica e Indra que prestan servizo de soporte telefónico para R na provincia da Coruña protagonizaron unha segunda xornada de folga para esixir que se manteñan na Galiza os empregos que, denuncian, a empresa de telecomunicacións quere levar fóra. Os sindicatos indican que o paro tivo un seguimento maioritario.

Desde a CIG informan que na reunión que mantiveron esta semana en Madrid a dirección de Comfica e de Euskaltel para tratar o traslado dos servizos e o futuro dos empregos, díxoselles que polo momento nin ten data concreta de efectivización. Miguel Gago, do comité de Comfica, subliñou que nas reunións coa empresa, esta xa informou da perda de varios contratos con R a partir de outubro, que non vai recolocar ao persoal afectado (unhas 20 persoas) e que ZTE, a nova contrata, comunicou que non procederá á subrogación nin fará novas incorporacións porque conta con traballadores e traballadoras de seu.

A CIG solicitou unha reunión coa Consellaría de Emprego, Economía e Industria para falar desta cuestión e esixir a implicación da Xunta de cara a evitar a perda de máis postos de traballo.