ELECTROINTENSIVAS

A aposta pola adquisición pública de Alcoa para garantir futuro e traballo

A aposta pola adquisición pública de Alcoa para garantir futuro e traballo
Mobilización de traballadores e traballadoras de Alcoa
Mobilización de traballadores e traballadoras de Alcoa  

A industria electrointensiva continúa á deriva mentres o Estado nin permitiu a Alcoa presentarse á poxa de interrumpibilidade desta semana nin dá sacado o estatuto coa rebaixa da tarifa eléctrica que estas empresas precisan para producir. O 30 de xuño produciranse máis de 200 despidos de non haber solucións na mesa. O secretario xeral da CIG esixe ao goberno que deixe de mentir coas poxas e os prazos, e realice a adquisición pública da fábrica.


As empresas electrointensivas na Galiza, como Alcoa, que consumen grandes cantidades de enerxía eléctrica para producir, están en grave perigo de peche por non poder facer fronte aos sobrecustos que inflan o recibo da luz para beneficio das empresas eléctricas.

Esta semana realizouse unha poxa de interrumpibilidade e, a pesar de que o goberno tiña anunciado que Alcoa si podería participar nela e que isto melloraría a situación e daría maior seguranza os postos de traballo, o certo é que Alcoa non puido presentarse. Segundo explicou a Delegación do Goberno en Asturias impedíuselle porque, a pesar de “a falta de competitividade das súas plantas da Coruña e Avilés poder entenderse como inherente ao risco comercial normalmente asumido pola empresa nunha poxa", esta situación de risco "xa era coñecida con anterioridade" á propia poxa, polo que non entraría dentro das excepcións previstas na norma.

"A negativa a Alcoa para poder presentarse na poxa confirma as mentiras do goberno español sobre a industria electrointensiva", denuncia Carril

De feito, a normativa sobre a interrumpibilidade dita que se a empresa solicita non continuar prestando un servizo, a súa desistencia conlevaría a imposibilidade de volver prestar o servizo durante seguinte período, salvo que a desistencia se producise por motivos excepcionais debidamente xustificados polo interesado. Neste caso, considérase que a situación de Alcoa non é imprevista nin excepcional, escudándose en que plantas de A Coruña e Avilés comunicaran que suspendían os servizos de interrumpilidade a consecuencia do despedimento de traballadoras e traballadores.

O estatuto é unhas das medidas que a CIG demandou do goberno, dotado dunha rebaixa estábel no prezo da luz para as empresas electrointesivas

Para o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, a negativa a Alcoa para poder presentarse na poxa confirma as mentiras do goberno español sobre a industria electrointensiva. De feito, lembra que a CIG non asinou o ERE de Alcoa entre outros motivos, porque non había compromisos do goberno en arrincar a electrólise e ter aprobado un estatuto con rebaixa tarifaria no prezo da luz para estas industrias antes do 1 de xullo (data en que se producirán os despedimentos de non haber solucións). En declaracións a Sermos Galiza, Carril asegura que “se está demostrando que os compromisos que amosaban daquelas no goberno non eran certos, pois non temos aínda o estatuto electrointensivo”. Este estatuto é unhas das medidas que a CIG demandou do goberno, dotado dunha rebaixa estábel no prezo da luz para as empresas electrointesivas, xa que precisan moito gasto enerxético para poderen producir e exportar a prezos competitivos.

Así mesmo, Carril esixe ao goberno que aposte pola adquisición pública de Alcoa, unha medida viábel perfectamente compatíbel coa normativa estatal e as directrices europeas, xa que non se trata de nacionalización nin de intervención, como ten amosado a Universidade da Coruña no informe encargado pola central sindical nacionalista. Ademais, a adquisición pública tamén daría tempo para manter os postos de traballo mentres non se aprobase o estatuto electrointensivo, salienta o secretario xeral da CIG:

Desde o sindicato consideran que as poxas non poden seguir sendo o elemento fundamental

En canto ás poxas, desde o sindicato consideran que non poden seguir sendo o elemento fundamental que o goberno dá como solución, porque sen estatuto nin prezo da luz estábel, é evidente que ningunha empresa vai poxar por Alcoa, pois ningún inversor arriscará nunha compra sen saber que prezo vai ter a enerxía que precisa para producir, xa que carecería de garantías de viabilidade económica.

Carril sinala atrancos tamén no seo do goberno, xa que o Ministerio de Industria é quen anuncia que farán poxas e estatuto electrointensivo e foi, por exemplo, quen asegurou que Alcoa podería presentarse á poxa, e agora é o Ministerio de Transición Enerxética quen non llo permite.

Os comités de empresa de Alcoa, Ferroaltlántica a Celsa Atlantic están a traballar en grandes mobilizacións

Os comités de empresa de Alcoa, Ferroaltlántica a Celsa Atlantic están a traballar en grandes mobilizacións que terán lugar a comezos de xuño para presionar por unha solución antes de que se produzan os despidos na planta da Coruña de Alcoa, que temen ademais que faga efecto dominó sobre as outras empresas do sector.