Artesanía e muller no rural galego

Artesanía e muller no rural galego
Idoia Cuesta (Web Idoia Cuesta)
Idoia Cuesta (Web Idoia Cuesta)  

A muller sempre foi protagonista no rural galego. Lidera boa parte das iniciativas emprendedoras que nel se realizan e teñen un papel fundamental no mundo da artesanía, un dos sectores que pode fixar poboación a través da creación de emprego en zonas afastadas. Emprendedoras galegas explican en Compostela a súa experiencia como artesás.


O papel e as experiencias laborais da muller no rural galego centraron varias das mesas de debate que tiveron lugar nas xornadas 'De camiño ao rural', organizadas pola consellaría de Medio Rural en Compostela. Hai uns días un destes encontros reuniu varias emprendedoras relacionadas co sector da artesanía que relataron as súas experiencias nun entorno difícil e despoboado.

A Fundación Pública Artesanía de Galiza, entidade creada no ano 2003 coa función de dotar o sector dunha infraestrutura especializada para que poida desenvolver, estivo representada na mesa pola súa xerente, Elena Fabeiro.

“O rural ten moitas limitacións mais tamén ten moitas vantaxes”, sinala Fabeiro a Sermos Galiza, “a máis positiva é vender a propia experiencia persoal da traballadora nun ambiente rural e sostíbel”.

Un sector atomizado

A día de hoxe hai 2.513 empresas dedicadas á artesanía na Galiza segundo datos facilitados pola Fundación. A maior parte das 5.100 traballadoras e traballadores do sector teñen a condición de autónomas (86%) e o resto en sociedades (14%).

A día de hoxe hai 2.513 empresas dedicadas á artesanía na Galiza.

O téxtil representa 30% de empresas, e xera 31,1% do emprego. Séguelles a madeira, xoiaría, bixutaría e cerámica que representan 13% de empresas e xeran 17,4% do emprego. Por tamaños 98,2% son microempresas con menos de 10 traballadoras e traballadores seguido de 1,8% que son pequenas empresas con menos de 50.

Se nos referimos aos ingresos deste sector o tamaño das empresas ten unha facturación anual reducida. A maior parte ten entradas inferiores aos 200.000 euros (91,6%), entre 200.000 euros e 300.000 euros (5,8%) e máis de 300.000 euros (2,5%).

Rexistro de artesanía

Acceder á carta de artesanía non é doado. As artesás e artesáns teñen que superar cursos, ter traballado nun obradoiro artesanal baixo a dirección dunha mestra ou mestre artesán e exercer unha actividade artesanal que supoña a creación, produción, restauración ou reparación de bens de valor artístico ou popular.

O sector artesán galego é altamente especializado e nos últimos anos non deixou de medrar.

O sector artesán galego é altamente especializado e nos últimos anos non deixou de medrar. Na actualidade están rexistradas 3.074 persoas que se dedican a esta profesión na Galiza, 320 máis que en 2012, o que supón un incremento de 11,62%. O aumento notouse tamén nos talleres. Hoxe hai 636 obradoiros artesanais, 204 máis que en 2012, un crecemento de 47,22%.

Experiencias máis alá do laboral

“Fíxenme artesá por amor ao rural e por buscar unha actividade que me permitise a conciliación familiar”. Inés Rodríguez era funcionaria até hai dez anos. Logo de pasar por un programa de formación onde entra en contacto co fiado manual e os tintes proba cos teares e monta o obradoiro Rir & Co Deseño Téxtil en Allariz.

“Pódese innovar desde o rural e chegar moi lonxe, eu mesma participei co meu traballo na pasarela Cibeles”. Rodríguez explica a Sermos Galiza que o acceso a internet facilitoulle a promoción e venda dos seus deseños. “Dedícolle o 30% do meu horario laboral a difusión en redes sociais, enviar e contestar correos electrónicos”. Desde o inicio da súa actividade traballou coa innovación como feito diferencial na súa roupa. Agora mesmo vén de presentar tecidos realizados con fibra de leite.Inés Rodríguez (Web Inés Rodríguez)

Inés Rodríguez complementa o seu traballo coa docencia que realiza tamén no ámbito rural. “A vertente social é algo do que me sinto moi orgullosa”, asegura, “as mulleres temos moito empuxe e tento transmitir o meu entusiasmo cando imparto cursos”. Traballa con asociacións veciñais e todas son alumnas maiores de 50 anos.

Unha experiencia semellante é a de Idoia Cuesta. Bióloga de carreira, rematou hai 26 anos creando un obradoiro de cestería na aldea de Cela en Outeiro de Rei. “Foi duro para min como muller, non estaba ben visto que deixase a universidade para montar un taller dun oficio popular”. O seu é combinar tradición e innovación. Como Inés Rodríguez tamén ela percorre Galiza para impartir cursos. “Teño moitas anécdotas en lugares afastados da montaña, todas relacionadas coas dificultades que teñen moitas mulleres para asistir a estas actividades”, relata, “para min son algo máis que cursos, son verdadeiras sesións de empoderamento”.

Ambas animan a probar a artesanía como unha saída laboral para a muller do rural ou para aquelas que estean pensando en vivir nel. “Cambioume a vida”, resume Inés Rodríguez.