Aumenta o interese do empresariado galego no mercado laboral portugués

Aumenta o interese do empresariado galego no mercado laboral portugués
Xornadas no CEG sobre mobilidade laboral con Portugal. De esquerda a dereita, José Manuel Maceira, José Antonio Neira e Laura Otero  [Imaxe: CEG]
Xornadas no CEG sobre mobilidade laboral con Portugal. De esquerda a dereita, José Manuel Maceira, José Antonio Neira e Laura Otero [Imaxe: CEG]  

Unha xornada da Confederación de Empresarios de Galiza (CEG) analiza as posibilidades de mobilidade laboral en traballadoras e traballadores de Galiza entre e o Norte de Portugal.


A Confederación de Empresarios da Galiza (CEG) organizou en Compostela unha xornada na que se trataron diferentes aspectos relacionados coa mobilidade laboral entre Portugal e Galiza. Entre os temas máis relevantes estiveron a regulación actual e as principais novidades en relación coas obrigas en Portugal por parte de empresas galegas e tamén a nova lexislación portuguesa en dereito laboral e as condicións de traballo en ambos países.

José Manuel Maceira, da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), explica a Sermos Galiza o grande interese por parte do empresariado galego nestes temas. “Agora precísase man de obra en sectores como o Naval”, explica, “non é unha cuestión de salarios, de xeito tradicional houbo intercambio de prestacións de servizos entre ambas marxes”.

Maceira recoñece que “desde a crise houbo un aumento da mobilidade laboral entre ambos países”. A finais deste mes presentarán un informe con datos entre Galiza e Norte de Portugal. “Son datos de tendencias ao non contar con datos directos”, explica a Sermos Galiza, “porque as notificacións de desprazamentos non se comunican todas e non se declaran todas as remuneracións recibidas”.

Portugal con salarios máis baixos

Por parte portuguesa participou na xornada Joana Bianchi de Aguiar, avogada de Garrigues. “A recente lexislación aprobada en Portugal mudou e agora o período máximo de contratación temporal é de dous anos como período máximo e antes era de 18 meses a tres anos”, explica a Sermos Galiza.

Segundo Bianchi. “Estas modificacións teñen a vontade de diminuír o traballo precario temporal e non estou segura de que o consigan”. O problema en Portugal seguen a ser os salarios. “Non houbo cambios en termos de salarios, mudou a lei en 2019 mais seguen sendo baixos e agardamos que co tempo suban”. O salario mínimo en Portugal sitúase nos 600 euros.