O aumento da contratación temporal na Galiza multiplica por catro a media española

O aumento da contratación temporal na Galiza multiplica por catro a media española

Os sindicatos ven con peocupación uns dados do desemprego que consolidan a precariedade e apuntan a unha desaceleración da economía.


O paro rexistrado descendeu en xullo en 4.328 persoas, situándose o número de desempregados e desempregadas inscritos nas oficinas da SEPE en 150.921. É un descenso de 2,79%, sensibelmente superior da rexistrada de media no Estado nese mes, que foi de 0,14%. Mais esas cifras deben completarse con outras. Así, e como lembra a CIG, nesta ocasión o descenso porcentual foi o menor dende ano 2008. “Ademais, consolídase a temporalidade e medra de xeito salvaxe a precariedade, cunha rotación do emprego brutal: 121.098 contratos asinados fronte a 4.328 persoas menos anotadas como desempregadas con respecto a xuño”.

O sindicato nacionalista indica que unicamente o 6,6% dos contratos subscritos neste período foron rexistrados baixo algunha modalidade de contratación indefinida. “Ou o que é o mesmo: 9 de cada 10 contratos foron temporais”.

Desde CCOO inciden en que o aumento da contratación temporal multiplica por catro o estatal. “Lidera a precariedade laboral no Estado cun aumento catro veces superior dos contratos temporais”, denuncia. No Estado aumentan os contratos temporais nun 5,13 % e na Galiza un 22,38 %.

Comisións considera que estamos, “unha vez máis”, ante uns datos cuantitativamente bos, pero cualitativamente “moi preocupantes”. O volume de emprego creado aínda está moi lonxe do que había antes da crise e a calidade de emprego é moito peor.