A barreira laboral das persoas con discapacidade

A barreira laboral das persoas con discapacidade
Down Galiza
Down Galiza  

A taxa de ocupación deste colectivo na Galiza é a máis baixa de todo o estado.


Na Galiza o 30,5% das persoas activas con discapacidade ten ocupación remunerada. Así o indican as cifras publicadas polo INE referidas a 2013 --os últimos dados disponíbeis. 

Esta cifra sitúa o país á cola dos territorios do estado e sete puntos por baixo da media estatal (37,4%). Aliás, as estatísticas reflicten a diminución da taxa de ocupación a respeito do ano anterior. En 2012 a porcentaxe de persoas con discapacidade ocupadas situábase no 33,1%. 

Neste senso, desde a Federación Down Galiza sinalan que 7 de cada 10 empresas españolas que contan con máis de 50 persoas traballando (o 67%) incumpre a lexislación vixente pola que se dispón a obriga de reservar un 2% dos postos de traballo para persoas con discapacidade en aras de procurar a súa integración laboral. 

A taxa de ocupación na Galiza entre persoas con discapacidade é do 30,5%, a máis baixa do Estado español

En relación coas persoas usuarias de Down Galiza desde a Federación salientan que "un total de 123 persoas coa síndrome de Down e/ou discapacidade intelectual contaron polo menos cun contrato de traballo ou cunha práctica laboral" durante o pasado ano 2014. 

Porén, acrecentan, "o principal atranco para o colectivo de persoas con discapacidade intelectual continúa a ser a inestabilidade e a temporalidade nas contratacións". E é que "no marco do programa de emprego con apoio, asináronse un total de 139 contratos e 55 prácticas laborais –aos que accederon estas 123 persoas- o que pon de manifesto a curta duración das contratacións en moitos dos casos", subliñan. 

Down Galiza lembra que as persoas usuarias do seu programa formativo "reciben unha formación e unha preparación laboral que lles permite desempeñar os postos de traballo máis acaídos segundo as capacidades de cada quen" polo que defenden o seu "dereito ao traballo"; unha "reivindicación histórica" recollida pola Convención Internacional sobre Dereitos de Persoas con Discapacidade da ONU de 2006 que sería ratificada dous anos despois polo Estado español. 

O 67% das empresas estatais con máis de 50 [email protected] incumpre a lexislación vixente 

Para alén da empresa privada, na administración pública as barreiras a superar non son menores. Neste senso, "o executivo galego vén de aprobar na oferta de emprego público, correspondente a prazas de persoal funcionario e laboral para o ano 2015, unha reserva de 6 prazas para o posto de ordenanza ás que só poderán presentarse persoas con discapacidade intelectual", unha demanda manifestada polo colectivo desde hai anos mais que non foi escoitada até o de agora. 

Cabe salientar que a primeira vez que se convocaron ofertas de emprego público dirixidas a persoas con discapacidade --a nivel estatal-- foi hai apenas tres anos, no 2012. Dun total de 54 prazas, tres foron ofertadas na Galiza 2 na provincia da Coruña e 1 en Lugo.