NÍVEIS EQUIVALENTES AO SUL DE ITALIA E GRECIA

Galiza duplica a taxa de paro europea

Galiza duplica a taxa de paro europea

Un informe da oficina estatística europea, Eurostat, indica a grande fenda existente no continente en termos de desemprego entre o norte e o sul. Galiza rexistra niveis de paro equivalentes aos do sul de Italia e Grecia.


Galiza fechou o 2016 cunha taxa de paro de 17,2%, un dato que non pasa desapercibido en Bruxelas, onde o noso país figura como un dos territorios do grupo que ten un desemprego que duplica a media europea, que é 8,6%. Os datos da EPA correspondentes ao primeiro trimestre deste ano publicados esta semana agravan máis a situación, pois a taxa aumenta a 17,3%.

A oficina estatística europea, Eurostat, vén de publicar o seu informe sobre 2016 e no mesmo faise evidente a existencia de tres Europas en termos de emprego. Unha, con taxas por baixo da media europea, que é a que conforman Alemaña, Reino Unido, Austria e os países nórdicos. Son rexións como a alemá de Niederbayern (2,1% de paro, o máis baixo do continente), por diante de Praga (2,2%).  Oberbayern (2,4%), Mittelfranken (2,5%), Unterfranken (2,5%), Tübingen (2,6%), Schwaben (2,7%) e Trier (2,7%) figuran entre as 10 zonas con menos desemprego. Lista que fechan a húngara Nyugat-Dunántúl (2,7%) e a británica británica Berkshire, Buckinghamshire & Oxfordshire (2,7%).

Outra Europa sería aquela que conforman as rexións cunha taxa superior á media europea mais que esta non duplica ese 8,6% de paro. Máis próximas a esa porcentaxe media están rexións francesas, irlandesas e do norte de Italia. Máis lonxe dese 8,6% (cun desemprego entre 11 e 17%) hai zonas do estado español, de Portugal, do centro de Italia...

Por último, a terceira Europa sería aquela na que figuran os territorios cunha taxa de paro que duplica a media europea (17,2% e máis). Aquí figura Galiza, o sur de Italia, boa parte das rexións gregas e o sur do estado español. O estado español pódese dividir á metade: a parte sur figura neste grupo. Do norte, só Galiza e Asturies.

Competitividade

O exame da Comisión Europea sobre competitividade rexional sitúanos no posto 181 entre as 263 rexións. Dános Bruxelas unha puntuación de 36,6 sobre 100 (un suspenso), o que nos sitúa 18 puntos por baixo da media europea e son, mesmo, 8 puntos menos que os que a UE nos daba en 2010. Afastámonos, pois, dos territorios con economías máis competitivas,  ao tempo que perdemos capacidade de enganche en sectores fulcrais.

Noutro informe, o Índice de progreso social que elabora a Comisión europea, e no que se contemplan máis de 50 variábeis (desde economía e educación a custe da vivenda, temporalidade ou acceso ao coñecemento) Galiza aparece no posto 157 de 272 rexións. De novo, afastados da media europea e, ademais, cunha posición inferior á que obtiñamos polo PIB per cápita rexional, que era 144 de 272.