Unha de cada catro novas persoas no paro no Estado é galega

Unha de cada catro novas persoas no paro no Estado é galega
Imaxe de arquivo SG
Imaxe de arquivo SG  

Galiza achegou 23% do total de incremento do desemprego o pasado mes de setembro.

 


No mes de setembro Galiza achegou un aumento de 3.164 persoas desempregadas ao incremento total no Estado, no que o paro incrementou en 13.907 persoas nese mes. Polo tanto,  22,85 por cento do total da suba do paro rexistrado no Estado foi na Galiza. En termos porcentuais, setembro deixa no noso país un aumento de 2,1% no número de persoas en desemprego mentres que no conxunto do estado esa alza foi de 0,45%

O paro rexistrado na Galiza en setembro foi o terceiro maior aumento no conxunto do Estado, só superado por Estremadura (4.025 persoas) e Andalucía (4.866). No cómputo interanual, o número de persoas rexistradas nas oficinas de desemprego descendeu en 9.336. O número de persoas desempregadas é de 156.984.

A suba do paro rexistrado en setembro débese principalmente ao sector servizos, coa fin dos contratos temporais de agosto. Neste sector aumentou o número de persoas no paro en 2.847. Na industria a suba foi de 167 e na Construción de 19. O número de contratos rexistrados  situouse en 106.735, dos cales case 97.000 foron temporais.

No que atinxe a afiliación á Seguridade Social, houbo nese mes un descenso de 7.353 afiliacións, 0,7%, unha porcentaxe tamén moi por riba da media española, onde a baixada foi de 0,02%.