O cadro de persoal de Tecman-Rayma intensifica a protesta diante de Navantia

O cadro de persoal de Tecman-Rayma intensifica a protesta diante de Navantia
Protesta persoal UTE Tecman-Rayma Ferrol (CIG)
Protesta persoal UTE Tecman-Rayma Ferrol (CIG)  

CIG-Industria cre que a dirección debería intervir neste conflito coa UTE logo da resposta da empresa esta pasada segunda feira


O cadro de persoal da UTE Tecman-Rayma intensifica as protestas en demanda da readmisión das persoas despedidas e para que se respecten os dereitos adquiridos, caso da subrogación recoñecida no convenio laboral.

Esta quinta feira 10 de outubro as protestas realizáronse na quenda de entrada á factoría e a acción provocou importantes retencións na circulación do tráfico e longas colas de vehículos.

Para esta mesmo quinta feira está prevista unha reunión da comisión permanente do comité de Navantia coa dirección para demandar que interveña, como titular do contrato. Desde CIG-Industria consideran inaudito que a dirección de Navantia lle consinta á xerencia da UTE “facer o que lle dá a gana”.

Fontes da CIG-Industria afirman que esta mesma segunda feira “a empresa deixou claro que non ten intención de respectar o dereito á subrogación, mesmo chegando a manifestar en repetidas ocasións que no momento en que Navantia pida resolver o conflito readmitirán o persoal, e acto seguido comunicarán a súa vontade de non continuar co contrato, pactando con Navantia unha prórroga”. O cadro de persoal non descarta aumentar as medidas de presión.