DADOS DA EPA, PRIMEIRO TRIMESTRE DE 2015

A caída da ocupación e a actividade atinxe principalmente a mocidade e as mulleres

A caída da ocupación e a actividade atinxe principalmente a mocidade e as mulleres

"Nun ano perdéronse en Galiza 13.300 persoas ocupadas entre os 20 e os 34 anos, 0 65% mulleres", advirten desde a CIG. 


As cifras do primeiro trimestre de 2015 segundo a EPA evidencian a perda de poboación activa, a queda da taxa de ocupación e o incremento do desemprego. Porén, non todos os segmentos da poboación se ven atinxidos por igual. El é que a mocidade e as mulleres constitúen os dous colectivos máis prexudicados. 

Neste senso, a comparativa interanual dos dados reflicte un descenso do número de persoas desempregadas a respeito do mesmo período de 2014. Porén, esta diminución débese a queda da actividade que perde 16.600 persoas e á redución da poboación en 11.700. 

Desde a Confederación Intersindical Galega (CIG) aseguran que atendendo a esta realidade o incremento da poboación activa "tería sido tan só de 4.700 persoas". Miguel Malvido, responsábel confederal de emprego sinala que  “a que subiu foi unicamente a ocupación a tempo parcial, co agravante de que, xunto a isto, perdéronse 1.600 persoas ocupadas a tempo completo respecto o 2014”.

O 65% das persoas de 20-34 anos que perderon ocupación eran mulleres

Aliás, advirten que desas 16.600 persoas activas meos, 11.200 eran mulleres fronte á 5.400 homes. Por faixas de idade, continúa a ser a poboación máis nova o colectivo máis numeroso na caída da taxa de actividade pois, perdéronse 9.500 persoas entre os 25 e 29 anos; seguidas do grupo de 30-34 (-7.900 persoas) e daquelas con idades comprendidas entre os 20 e os 24 (-7.700). 

Salienta a porcentaxe de mulleres desocupadas entre a poboación máis nova pois representan o 65% das persoas que perderon ocupación entre os 20 e 34 anos. 

Para a CIG estes dados débense á "maior rotación, maior número de xornadas a tempo parcial e maior temporalidade" que padecen estes colectivos polo que denuncian unha "maior precarización" no emprego que se crea. "A caída de actividade ascende nin máis nin menos que a 25.100 persoas" entre as menores de 34 anos, afirman desde a central sindical nacionalista, un dado que "dá idea da situación na que se atopa a mocidade en Galiza e a nula eficacia das políticas de emprego que nos venden como panacea para darlle unha saída laboral", afirma Miguel Malvido.