Sindicatos galegos, vascos e aragoneses contra a “campaña propagandística” sobre o novo convenio de Mercadona

Sindicatos galegos, vascos e aragoneses contra a “campaña propagandística” sobre o novo convenio de Mercadona

“É mentira que o persoal de Mercadona vaia ter unha suba salarial de 15%", afirman CIG, ELA e OSTA nunha comparecencia conxunta.

 

 


O convenio colectivo asinado recentemente por Mercadona non é o que parece. Non trae a suba salarial da que tanto se fala (15%), nin tampouco se negocian melloras nos calendarios nin na xornada laboral, que segue a ser a máis elevada do sector. Isto é o que esta quinta feira denunciaron cunha comparecencia conxunta na Coruña representantes de CIG (Galiza), ELA (Euskal Herria) e OSTA (Aragón).

Uns sindicatos que manteñen que malia a “intensa campaña propagandística” da empresa e as organizacións sindicais asinantes -CCOO e UGT- para “vender as bondades do acordo”, este é “practicamente igual ao que xa había e o único que fixeron foi  adaptalo aos cambios na lexislación e a xurisprudencia".

"Non é certo que os traballadores e as traballadoras de Mercadona vaian ter unha suba salarial de 15%. Ese é un incremento que se inventan a empresa, CCOO e UGT", así o aseveraban Roberto Pérez (CIG), Egoitz Iturbe (ELA) e Olga Gómez (OSTA),

Na realidade, apuntan estes 3 sindicatos, o que recolle o convenio é un incremento do salario base igual ao IPC real, durante cada un dos cinco anos de vixencia, tal e como xa  viña aplicando a empresa. Isto supuxo a conxelación dos soldos nos últimos tres anos.

As centrais cualifican de "escándalo" que mentres Mercadona obtivo un beneficios de máis de 2.200 millóns de euros nó último lustro e cada empregado factura arredor de 245.000 euros anuais, os traballadores e traballadoras teñan un salario medio bruto anual de 24.000 euros (no caso de perciben a prima, senón a retribución baixa aos 21.000 euros).  

No referido á ampliación do permiso de paternidade até ás 7 semanas, subliñouse que esta mellora quedará pronto superada se, como parece, no mes de xaneiro o Goberno español consegue aprobar os Orzamentos Xerais para 2019, que contemplan unha ampliación do permiso até ás 8 semanas.

Neste convenio tampouco se negocian melloras nos calendarios nin na xornada laboral, que segue a ser a máis elevada do sector. Ao contrario, a empresa asegúrase que pode haber xornadas de 10 horas até dous días á semana, e como non se computa o tempo de descanso diario, a xornada pode acadar as 10,30 horas.