PRECARIEDADE

A cara B das mans que vendiman

A cara B das mans que vendiman
Vendima
Vendima  

A vendima na Galiza é un traballo cunha temporalidade moi alta. Estudantes e persoas paradas de longa duración son das máis habituais ao pé de viña. Co aumento do rendemento nas explotacións máis grandes, medrou a demanda de man de obra. Novos actores de contratación e captación de traballadoras e traballadores, como as Empresas de Traballo Temporal, estanse a introducir neste sector nos últimos anos. Eis un extracto dunha reportaxe que publicamos ao respecto no Sermos Galiza 317.


4Nas últimas semanas do verán, e nas primeiras do outono, é a época da vendima. Este ano a recolleita de uva comezou máis tarde do habitual, a mediados de setembro. A Consellaría de Medio Rural estimou os resultados en ao redor dos 61 millóns de quilos de uvas. Miles de xornaleiras e xornaleiros se desprazan a pé de viñas para limpalas de uva. A Denominación de Orixe das Rías Baixas é, por dimensións e número de bodegas e explotacións, a que máis traballadoras e traballadores temporais absorbe das cinco galegas. O Consello Regulador desta denominación de orixe calculou en ao redor de 5.000 o número de temporeiras e temporeiros neste 2018. Nas últimas décadas consolidáronse na Galiza empresas cunha gran produción. Tecnificáronse boa parte dos labores de bodega e embotellado. A vendima pouco mudou, se ben aumentaron os ritmos e a necesidade de man de obra nas explotacións de maior envergadura. As canles para atopala cambiaron: ás ofertas de emprego na rede súmanse as Empresas de Traballo Temporais.

A pesar da modernización da produción de viño, xornaleiras e xornaleiros seguen xogando nela un papel fundamental. Nair Domínguez estudou o Grao Medio de Elaboración de aceites e viños. Ten traballado durante tres tempadas da vendima como técnica bodegueira, en control de calidade. "O traballo temporal nas bodegas é altísimo", explica, "case o 90% das persoas que van á vendima son traballadoras temporais". Os labores de poda, de vendima e, en certos casos, tamén de carga das caixas, ten que ser realizado a man. "A recolleita é un proceso moi importante, e está pouco valorado e mal pagado, ademais hai empresas que pagan en negro", incide Domínguez. Os salarios, actualmente, oscilan entre os 5 euros á hora e os 7. Unha xornada habitual consta de 8 horas, que poden alongarse se se fai traballo de bodega até as 14 horas. Vendimadoras e vendimadores teñen un perfil heteroxéneo: estudantes, persoas paradas de longa duración ou sen un emprego estábel.

Falta de mans

Roberto Rivas, presidente da Asociación Galega de Viticultores, explica que hai dez anos "a vendima era máis de vagar, non tiñas que sacar tantos quilos de uva xuntos"."Participaba a familia, amizades e persoas xubiladas", relata en declaracións  a Sermos Galiza, "hoxe en día isto xa é máis complicado, tes persoas asalariadas". Viticultor nas Rías Baixas, contrata cada ano unha cuadrilla de entre dez ou doce persoas. "O que é difícil é que quen che veu toda a vida, que son amigos e queren seguir axudando, non queren cobrar, pero ti estás asustado polo feito de ter unha Inspección de Traballo".

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 317 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]