Unha alta porcentaxe das traballadoras de residencias de maiores consome fármacos para paliar a dor muscular

Unha alta porcentaxe das traballadoras de residencias de maiores consome fármacos para paliar a dor muscular
Residencia de maiores (SG)
Residencia de maiores (SG)  

CCOO pide melloras nas residencias de maiores para loitar contra as malas condicións laborais das súas traballadoras


Modificacións na dotación e na arquitectura son algunhas das peticións que realiza CCOO para mellorar a saúde das traballadoras das residencias de persoas maiores. Este sindicato celebrou esta quinta feira en Compostela unha xornada na que tratou as condicións laborais que ten o persoal destes centros, orixe de numerosas patoloxías que se tratan cun consumo de fármacos cada vez maior.

Como parte da xornada presentouse tamén a campaña Os teus dereitos, o mellor medicamento, unha iniciativa que recolle as conclusións de nove grupos de discusión e vinte e catro entrevistas en profundidade realizadas en nove cidades españolas entre persoal do sector.

Consumo de fármacos

Alfonso García, responsábel de Dependencia de CCOO-Sanidade, sinalou que o sector emprega na Galiza unhas 16.000 persoas, das cales máis do 90% son mulleres. “É un sector altamente feminizado no que unha gran porcentaxe consume fármacos de xeito habitual para paliar a dor muscular”, explicou.

Segundo José Rodríguez Valdés, membro da Secretaría confederal de Saúde Laboral de CCOO, os estudos do Plan estatal sobre drogas apuntan que o consumo de drogas, tanto legais como ilegais, descendeu nos últimos trinta anos en toda a poboación laboral. Porén, no caso dos medicamentos hipnosedantes, rexistrou un incremento nos últimos anos, especialmente entre as traballadoras e de xeito singular no sector da dependencia.

No último ano, CCOO fixo traballo de campo neste sector e obtivo datos “moi preocupantes”, apuntou o sindicalista, como o feito de que o 80% das traballadoras manifestan dor en máis de tres ou catro partes do corpo, que tratan con antiinflamatorios ou analxésicos.

Implicación das Administracións

Roi Fernández, secretario nacional de Saúde Laboral de CCOO, instou as Administracións públicas a atender como merece o sector da dependencia. “Os nosos maiores non poden estar atendidos por persoas que fan o seu traballo nestas condicións precarias”, apuntou.

Ao tempo, o sindicalista cualificou de “inaceptábel” un sistema en que se están a xerar novas persoas enfermas. “Merecemos que as traballadoras do sector cheguen á súa xubilación con boa saúde, non que acaben sendo atendidas por problemas de dependencia nas mesmas residencias en que exerceron a súa traxectoria profesional”, sinalou Álvarez.