ELECCIÓNS SINDICAIS

CCOO reduce a súa maioría en Navantia e a CXT irrompe con 3 representantes

CCOO reduce a súa maioría en Navantia e a CXT irrompe con 3 representantes
[Imaxe: Navantia]
[Imaxe: Navantia]  

As eleccións sindicais en Navantia deixan, atendendo o cómputo xeral entre o corpo técnico e especialista dos centros de Ferrol e Fene, un resultado en que CCOO fica como sindicato maioritario a pesar de retroceder no seu liderado, perdendo 2 representantes. A CIG déixase 2 tamén e a CXT dá a sorpresa pasando de 0 a 3.


As traballadoras e traballadores dos centros de Navantia en Fene e Ferrol escolleron esta terza feira 9 de xullo a súa representación sindical. Comisión Obreiras gozaba dunha posición maioritaria mais coas novas eleccións déixase 2 representantes o que lle fai retroceder a pesar de continuar sendo o sindicato máis votado. Obtén 13 en total (9 en Ferrol e 4 por Fene).

No comité intercentros (a nivel estatal) por Galiza terán representación CCOO, CIG e MAS

Séguelle a Confederación Intersindical Galega, a pesar de tamén perder 2 representantes, un por cada centro. Fica así a central nacionalista con 5 en total (4 obtidos en Ferrol e 1 en Fene).

Os tres perdidos na planta de Ferrol por CCOO e CIG van parar ao sindicato anarco sindicalista Confederación Xeral do Traballo (CXT), que dá a sorpresa nestas eleccións pasando de 0 a 3 representantes (todos por Ferrol).

A Unión Xeral de Traballadores (UXT) logra 5 (3 por Ferrol e 2 por Fene), mentres que o Movemento de Alternativa Sindical (MAS) gáñalle en votos e faise tamén con 5 (4 en Ferrol e 1 en Fene). A escisión da CIG, Alternativa Independente, consegue o seu único representante por Fene. Nesta planta, debido a perda de número do cadro de persoal, pasouse de 13 a 9 representantes.  

CCOO agora terá que entenderse con outro sindicato para manter o presidente de comité de empresa, todo apunta a que se aliará coa UXT.

Con todo, no comité intercentros (a nivel estatal) por Galiza terán representación CCOO, CIG e MAS, aínda que Marcelino Amaro, responsábel da sección sindical en Ferrol da CIG agarda que prospere a demanda que o sindicato nacionalista interpuxo dado que nas factorías de Puerto Real e San Fernando infláronse os censos, segundo indica, respecto do número de traballadoras e traballadores, o que podería dar un espazo máis folgado á representación galega no comité intercentros.