MOBILIZACIÓN DA CIG EN OURENSE

Centos maniféstanse contra a fraude das falsas autónomas no sector cárnico

Centos maniféstanse contra a fraude das falsas autónomas no sector cárnico

Centos de delegadas e delegados da CIG percorreron na tarde do sábado as rúas de Ourense para rexeitaren a “fraude laboral e económica” á Seguridade Social e a sobreexplotación a través de falsas cooperativas como Servicarne en Coren ou Frigolouro.


A CIG calcula que existen na Galiza máis de 2.000 falsas e falsos autónomos, que se atopan nunha situación de discriminación fronte ao resto do persoal. Sinala o sindicato que carecen de horario fixo, salario mínimo, dereito de vacacións ou permisos ou a cobrar baixas. Tamén advirte de que sofren maior represión e “ritmos salvaxes”.

Neste contexto, a central nacionalista manifestouse o sábado en Ourense, nunha mobilización que partiu da rúa Euloxio Gómez Franqueira para rematar diante da Subdelegación do Goberno. Participaron da marcha centos de delegadas e delegados sindicais, que protestaron así contra a “fraude laboral e económica” á Seguridade Social. Unha fraude que ascende, segundo a CIG, a máis de 6 millóns de euros.

O sindicato galego centrou a ollada en falsas cooperativas como Servicarne en Coren ou Frigolouro. E é que no sector cárnico abundan os casos de falsas e falsos autónomos. Así, a CIG reclama que as empresas cárnicas acaten a resolución de Inspección de Traballo e dean de alta estas traballadoras e traballadores no réxime xeral da Seguridade Social.

Dores Martínez, secretaria nacional da FGAMT-CIG, que se reuniu a sexta feira en Madrid con responsábeis de Inspección, afirma que esta loita "non cesará até que as este falso persoal autónomo teña os mesmos dereitos laborais que o resto". Exixe, ademais, "celeridade e e contundencia" ao novo Goberno do PSOE para "rematar con este tipo de prácticas nas empresas".



x