FUTURO INDUSTRIAL

Centos esixen en Compostela solucións para as electrointensivas

Centos esixen en Compostela solucións para as electrointensivas
Manifestación en Compostela [Imaxe: CIG]
Manifestación en Compostela [Imaxe: CIG]  

Unha multitudinaria mobilización de traballadoras e traballadores reclamou en Compostela solucións para o sector electrointensivo e un estatuto que fixe prezos “competitivos” para a enerxía.


Máis de medio milleiro de traballadoras e traballadores da industria electrointensiva mobilizouse en Compostela esixindo solucións para estas industrias na Galiza e demandaron a aprobación dun estatuto que fixe prezos "competitivos" para a enerxía.

A protesta foi convocada polos comités de Alcoa, Ferroatlántica e Celsa Atlantic e partiu do estadio de San Lázaro, na capital galega, até a sede da Xunta de Galiza.  

A aprobación do estatuto para a industria electrointensiva era unha das promesas do goberno central para evitar o peche das plantas

A aprobación do estatuto para a industria electrointensiva era unha das promesas do goberno central para evitar o peche das plantas de Alcoa da Coruña e Avilés; mais o executivo foino retrasando xustificándose nas reticencias expresadas pola Comisión de Mercados (CNMC).  

A falta aínda de estatuto está causando preocupación e malestar no cadro de persoal. O comité de empresa da factoría da Coruña xa pediu reiteradas veces ao goberno central que aprobase o estatuto, así como tamén reclamou maior implicación á Xunta de Galiza.

Nese sentido, o presidente do comité de empresa de Alcoa San Cibrao, Xosé Paleo, denunciou os elevados custos da enerxía eléctrica por estaren provocando, entre outros problemas, o peche de fábricas como Alcoa, e sinalouno como un problema político. “Por iso ímoslles petar a porta na Xunta, para que nos dean un prezo da enerxía que nos permita traballar e competir ao mesmo nivel que outros países europeos”, afirmou. Mentres, Agustín Méndez, presidente do comité de Celsa Atlantic, reclamou ao goberno un marco enerxético que permita “competir en igualdade de condicións que o resto de plantas de Europa e do mundo, que permita á nosa industria seguir facendo investimentos en Galiza".

Reclaman ao goberno un marco enerxético que permita “competir en igualdade de condicións que o resto de plantas de Europa e do mundo"

Galiza conta na actualidade con 20.000 traballadoras e traballadores menos que no ano 2.009. e moitos dos problemas que hai detrás do peche de empresas do sector da industria electrointensiva veñen derivados da política enerxética e o seu prezo, dándose a disxuntiva de que o noso país é o maior produtor de electricidade.

Participaron representantes de todas as formacións políticas agás o PSOE

A manifestación contou coa participación de representantes da formacións políticas excepto do PSOE. Luís Villares, portavoz de En Marea, propuxo que se eliminen das poxas diarias "toda a enerxía que procede da nuclear e a hidroeléctrica" como vía para facer viábel a industria e baixar a factura da luz a todas as casas.

O deputado Xosé Luís Rivas ‘Mini’ do Bloque Nacionalista Galego, pediu sensatez aos gobernos galego e estatal así como a intervención en defensa dos postos de traballo.

A deputada Yolanda Díaz, de En Común - Unidas Podemos acusou o PSOE de continuísta das políticas do PP no sector enerxético.

Polo PP estiveron o parlamentario Gonzalo Trenor e a portavoz da formación conservadora na Coruña, Rosa Galego, quen reclamaron a Pedro Sánchez unha solución para os 400 empregos que dependen de Alcoa.