Centos de persoas demandan na 'marcha obreira' unha solución para Alcoa

Centos de persoas demandan na 'marcha obreira' unha solución para Alcoa

Máis de mil persoas, por volta de 900 segundo a Policía Local, manifestáronse na Coruña contra o fechamento da planta de Alcoa e para demandar unha "solución" para a factoría. Na 'marcha obreira', así chamada polos convocantes, tomaron parte representantes de diferentes organizacións políticas, así como de colectivos veciñais e sociais.

alcoa 3

“Déixannos sen futuro” poñía unha das faixas, a que abría a marcha, portábana familiares dos traballadores. A esta, seguíalle outra coa lema 'Non ao peche. Enerxía solución'. Durante a mobilización, coreáronse proclamas como 'Alcoa, escoita, Coruña está en loita' ou 'Alcoa non se pecha, isto é a guerra'.

O delegado do Goberno, Javier Losada, recibiu unha representación do comité de empresa. En declaracións aos medios, Losada reiterou que o Goberno traballará "até o último minuto" para lograr que a empresa reverta a súa decisión.

Desde o comité de empresa, o seu presidente, Juan Carlos López Corbacho, avanzou a intención dos traballadores de presentar "unha proposta formal" ás administracións e á empresa para garantir o futuro das plantas. "Hai que buscar solucións de consenso e loitar por unha solución", insistiu.



x