Centos de persoas maniféstanse en Ferrol para demandar “xustiza” para Pintos

Centos de persoas maniféstanse en Ferrol para demandar “xustiza” para Pintos

Xesús Anxo López Pintos, sindicalista, xubilado desde hai tres anos, terá que responder ás acusacións da Fiscalía e dun policía por uns incidentes acontecidos en 2012 cando era co-secretario comarcal da CIG. O xuízo terá lugar os días 12, 13 e 14 de novembro.

 


Centos de persoas manifestáronse na noitiña desta terza feira polas rúas de Ferrol en rexeitamento á represión sindical e ao proceso xudicial aberto contra Xesús Anxo López Pintos pola súa participación nunha mobilización no ano 2012. A manifestación (que se insire na campaña contra a represión sindical iniciada pola CIG e á que se sumaron tamén CCOO, UGT e CGT) saíu de diante do edificio administrativo da Xunta de Ferrol baixo o lema Non á represión sindical. Xustiza para Pintos, e rematou no Cantón, onde Elvira Souto foi a encargada de dar lectura ao manifesto conxunto.

A convocatoria recibiu o apoio de entidades sociais e culturais da comarca, de partidos políticos, de alcaldes e alcaldesas dos concellos da comarca e de máis 40 comités de empresa, entre os que se atopa o de Navantia, que xunto co comité da xa desaparecida Poligal, convocou a concentración no decurso da que se produciron as cargas policiais e a detención de Pintos, que derivou no actual proceso.

O propio Pintos agradecía os apoios e as mostras de afecto recibidas estes días "e que se faga unha fronte común contra unha inxustiza que todos e todas padecimos aquí hai sete anos, porque aínda que a min me tocou levar os golpes, a concentración era do pobo de Ferrol".

Na manifestación tamén participou o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, quen chamou a atención sobre o feito de que todo isto ocorra nunha comarca tan castigada como Ferrolterra e ademais "con motivo dun acto electoral do PP, culpábel en grande medida das políticas que levaron á que hoxe esta sexa a zona 0 da desertización industrial que sofre Galiza".