A CIG chega ao seu 25 aniversario como primeira forza sindical na Galiza

A CIG chega ao seu 25 aniversario como primeira forza sindical na Galiza

Os secretarios xerais do sindicato nacionalista durante ese cuarto de século coinciden en destacar a importancia de que a clase traballadora galega teña unha ferramenta de seu. Vídeo no interior.


En marzo de 1994 nacía a Confederación Intersindical Galega (CIG), un sindicato que ao longo destes 25 anos desenvolveu un traballo que lle sitúa hoxe, en 2019, como a primeira forza sindical na Galiza. Os ex secretarios xerais, Fernando Acuña e Suso Seixo; o que foi o seu secretario confederal e presidente, Manuel Mera e o actual secretario xeral, Paulo Carril, participaron nun acto para comemorar este 25 aniversario. Todos eles salientaron a importancia da decisión de xuntar forzas para dotar a clase traballadora galega “dunha ferramenta coa que loitar polos seus dereitos”.

Manuel Mera, secretario confederal desde 1994 até 1997 e presidente da central sindical desde ese ano até 2001, quixo felicitar á CIG por ser a primeira en delegadas e delegados, “un dos retos que se conseguíu cumprir neste período histórico”, logo de terse conseguido tamén ser a primeira central sindical en afiliación e en capacidade de mobilización. Mera sinalou que fica pendente “o reto máis difícil e fundamental, que é ser hexemónicos tamén no mundo das ideas”.

Fernando Acuña, primeiro secretario xeral da CIG, entre os anos 1994 e 2001, lembrou unha das seis ideas forza aprobadas no congreso de unificación de INTG e CXTG, na que se sinala que “a CIG non quere ser só unha representación das traballadoras e traballadores, senón a súa principal organización” e na que afirma que “ningún dos principais problemas de Galiza se vai resolver favorabelmente para o pobo se este non toma conciencia da súa propia identidade e traduce esa conciencia en organizacións propias e soberanas”. Acuña, salientou a importancia da CIG ter un perfil propio porque “todos os sindicatos teñen os pés en Galiza, pero a CIG ten tamén o cerebro e o corazón”.

Suso Seixo, secretario xeral desde 2001 até 2017, quixo agradecer ás direccións da CXTG e da INTG a decisión “valente, xenerosa, sabia, responsábel, de compromiso coa clase traballadora galega, de promover a constitución da Converxencia Intersindical Galega en 1990 e a CIG en 1994”.

Seixo incidiu na importancia do compromiso da central sindical coa loita por unha sociedade galega “máis xusta, democrática e soberana”. Un modelo sindical que “segue a estar vixente e a ser imprescindíbel”.

De por parteo, Paulo Carril, salientou o especial valor de Acuña, Mera e Seixo, porque xunto con outras moitas persoas, construíron “desde a nada e na máis absoluta adversidade” a central sindical. O secretario xeral da CIG chamou a “sermos conscientes de que o noso traballo debe ser permanente para ser eficaces como ferramenta na defensa dos dereitos e necesidades máis inmediatas da clase traballadora”.



x