A CIG conmemorará o 25-N co lema “Precariedade no Traballo de Coidados: Violencia Machista”

A CIG conmemorará o 25-N co lema “Precariedade no Traballo de Coidados: Violencia Machista”
[Imaxe: CIG] V Encontro Nacional de Delegadas da CIG
[Imaxe: CIG] V Encontro Nacional de Delegadas da CIG  

O V Encontro Nacional de Delegadas da CIG acorda loitar pola dignificación do traballo de Coidados.


A secretaria das Mulleres da CIG, Margarida Corral, explicou esta cuarta feira 10 de outubro en rolda de prensa que para este 25-N, Día Nacional para a Erradicación da Violencia Machista, as mulleres da central sindical concordaron na necesidade de articular unha campaña para denunciar, baixo o lema A precarización do traballo noscoidados é violencia machista, “a explotación que está detrás de todas as actividades relacionadas cos coidados, a minusvaloración e a precarización cada vez maior deste tipo de traballos, non só pola falta de corresponsabilidade no fogar e a dobre carga mental ou a dobre xornada que experimentan moitas mulleres, senón tamén pola precariedade laboral destas”.

A presentación aos medios realizouse dentro do V Encontro Nacional de Delgadas da CIG que reuniu perto de 250 sindicalistas. Corral explicou algúns dos problemas que seguen a ter as mulleres traballadoras como a temporalidade, a eventualidade e salarios míseros, problemas de conciliación, acoso sexual nos domicilios, acoso laboral e “todo isto coa complicidade da Xunta, dos concellos e das propias empresas concesionarias dos servizos”.

A campaña non estará centrada só nos Servizos de Axuda no Fogar, senón tamén nas residencias de terceira idade, centros de día, escolas infantís ou comedores escolares, nos traballos de limpeza e de asistencia no fogar, entre outros e que sería continuidade da que a secretaría da Muller vén desenvolvendo desde antes do verán en demanda da recuperación dos dereitos perdidos polas mulleres.

V Encontro Nacional

As asistentes ao V Encontro Nacional coincidiron en que é fundamental que a sociedade asuma que as mulleres fan un traballo moi importante para a acumulación da riqueza.

No marco do propio Encontro, Carme Antas, secretaria nacional das mulleres da federación de Servizos, explicou que se escolleu o sector da asistencia no fogar porque nun 95% son mulleres as que coidan os maiores, tanto en zonas urbanas como rurais. Mulleres que, nun 99% dos casos traballan a tempo parcial e ás que, ademais “nun mesmo mes modifícaselles a xornada até 6, 7 ou 10 veces e non saben, a primeiros de mes, que xornada van ter todo o mes”.

O propio 25 de novembro as asistentes acordaron convocar concentracións en todas as comarcas e unións locais que así o decidan, ás 12 horas

Antas denunciou que o convenio deste sector está sen negociar desde 2012, aínda que segue vixente porque mantivo a ultraactividade, pero no que mesmo a asociación de empresas de Axuda no Fogar “decidiu disolverse para evitar aplicar o convenio galego na Galiza e poder aplicar o convenio estatal porque é peor”.

Concentracións nas comarcas

Para o propio 25 de novembro as asistentes acordaron convocar concentracións en todas as comarcas e unións locais que así o decidan, ás 12 horas, diante dos concellos, “para denunciar a hipocrisía dos Gobernos, que ese día amosarán o seu compromiso contra a violencia machista, cando están escravizando as mulleres que dedican a súa vida ao traballo mal pagado e precario dos coidados”, explicou Corral, quen subliñou que “queremos quitarlle a careta a eses concellos que o 25-N van facer plenos extraordinarios e pendurar lazos e crespóns negros nas fachadas deses espazos teoricamente libres de violencias machistas e son quen precarizan a estas traballadoras”.

Ademais acordouse tamén participar nas mobilizacións convocadas pola Marcha Mundial das Mulleres e outros colectivos feministas do país con motivo do Día Internacional contra a Violencia Machista.

De xeito paralelo acordouse convocar unha Xornada Nacional de Loita a desenvolver durante a semana do 2 ao 8 de marzo, no marco dunha sexta edición do Encontro Nacional de Mulleres da CIG