A CIG esixe “depurar responsabilidades” pola morte do operario na Coruña

A CIG esixe “depurar responsabilidades” pola morte do operario na Coruña
Vista do porto da Coruña.
Vista do porto da Coruña.  

O sindicato presentará denuncia ante Inspección de Traballo e comparecerá como acusación particular no Xulgado contra a empresa Laxe Marítima


Esta terza feira, a CIG anunciou nun comunicado público que denunciará perante Inspección de Traballo a “falta de seguridade” que o día anterior provocou a morte dun operario no porto da Coruña, cando foi aplastado ao caerlle enriba a mercancía que manipulaba. A central comparecerá no Xulgado como acusación particular contra Laxe Marítima, compañía na que traballaba o falecido, de 44 anos e máis dunha década de experiencia.

A familia do operario, que era delegado sindical da FGAMT-CIG, contará co asesoramento do sindicato. Este sinala que a fenda na seguridade é unha consecuencia directa da “precarización da estiba e desestiba” e esixe que se “depuren responsabilidades”. Segundo a CIG, as empresas do porto coruñés foron afondando nos últimos tempos na contratación de traballadores de ETT e reducindo o cadro de persoal da sociedade de estiba e desestiba. Cun marco así, a redución da seguridade laboral é clara, xa que o persoal de ETT acostuma rotar en diferentes postos e empresas que operan no porto.

A CIG demanda ás empresas do Porto e á Autoridade Portuaria da Coruña que “adopten decisións urxentes” en vía a garantir a seguridade das operarias. Isto tradúcese, segundo apuntan, a un maior número de inspeccións de traballo nas operativas portuarias, ao ser o seu un sector “no que se manexan grandes volumes de mercadorías e se traballa con maquinaria pesada”.



x