A CIG gaña as eleccións entre o persoal da Administración do Estado en Galiza


A CIG gaña as eleccións entre o persoal da Administración do Estado en Galiza

A central sindical conseguiu 45 representantes entre o persoal funcionario e o laboral dos 152 delegados e delegadas en xogo. 


A CIG revalidou a maioría sindical entre o persoal funcionario e laboral da Administración do Estado en Galiza. Conseguiu 45 representantes dos 152 delegados e delegadas en xogo, un terzo do total, nas eleccións do pasado 18 de xuño. A central sindical contará con 26 representantes entre o persoal funcionario e 19 entre o persoal laboral.

A segunda forza en representación foi a CSI-F con 34 delegadas, seguida de CC.OO. (29), UGT (18), USO (16), Fedeca (5), CGT (3) e APF (2).

A CIG acadou a maioría en todas as provincias agás entre o persoal funcionario de Lugo. “Estes resultados foron posíbeis grazas ao traballo de participación e implicación do conxunto de persoas que formamos parte dos órganos de representación e participación do persoal”, apuntaron desde CIG-Administración Pública.

A central sindical apuntou que este apoio reflicte “á acción sindical desenvolvida nestes últimos catro anos na defensa dos dereitos das traballadoras e traballadores públicos fronte e os recortes laborais e salariais aplicados dende os gobernos do PP e na loita por uns servizos públicos de calidade”.