A CIG mobilízase para esixir "xustiza para Pintos"

A CIG mobilízase para esixir "xustiza para Pintos"
[Imaxe: CIG] Manifestación esixindo xustiza para Pintos
[Imaxe: CIG] Manifestación esixindo xustiza para Pintos  
O sindicato nacionalista realizou a primeira das concentracións que ten previstas realizar diante da Audiencia Provincial da Coruña, coincidindo cos tres días de xuízo contra Xesús Anxo López Pintos.
 

Ao berro de "Xustiza para Pintos!", a CIG realizou unha concentración diante da Audiencia Provincial da Coruña, coincidindo co primeiro dos tres días de xuízo contra Xesús Anxo López Pintos.

O ex cosecretario comarcal da CIG de Ferrol enfróntase a unha petición de cárcere pola súa participación nunha mobilización das traballadoras e traballadores do naval e de Poligal, convocada con motivo dun acto electoral do Partido Popular en Ferrol, no inicio da campaña ás autonómicas de 2012.

Esta primeira xornada -na que está previsto que declaren o propio Pintos, o axente de policía que exerce a acusación particular e doce das testemuñas da acusación- comezou coa presentación dun informe pericial por parte da defensa para que se incorporen ao xuízo as probas audiovisuais e o testemuño de dez persoas máis, pois das 46 propostas pola defensa polo de agora só se aceptaron tres, mentres que a acusación contará coa declaración de 12 policías e de catro cargos políticos do PP.

Unha situación que, explicaba o propio Pintos antes de entrar no xulgado, "me deixa nunha total indefensión e por iso incluso chegamos a pedir a revogación do tribunal, porque se vía moi partidista".

Hai que sinalar tamén que a Fiscalía -que pide dous anos de prisión por un delito de atentado e unha falta de lesións, mentres que a acusación particular pide tres anos- non tivo en conta neste proceso xudicial a denuncia presentada por Pintos para que se investigaran as “agresións e vexacións” que sufriu mentres permanecía detido e incomunicado en comisaría.

"Tocoume ser o cabeza de turco"

Pintos lembra as circunstancias nas que se produciu a súa detención naquela noite do 4 de outubro de 2012, no marco dunha protesta que se desenvolveu “de maneira totalmente pacífica” e na que, ao remate desta, se produciu unha intervención policial “desmesurada e sen motivación”.

Durante a carga, Pintos “foi golpeado en reiteradas ocasións, detido e trasladado a comisaría, onde permaneceu incomunicado toda a noite. Até alí achegáronse tres membros da executiva comarcal da CIG de Ferrol para interesarse pola súa situación que “foron recibidos con cadanseu porrazo e con indicacións de que marcharan para a casa”.

"E a pesar do que pasou, agora son eu quen acaba sendo xulgado, cun intento por parte da Fiscalía e da acusación de que entre na cadea. Tocoume a min como cabeza de turco, como outras veces lle ten tocado a outras compañeiras e compañeiros estar aquí por defender os dereitos e as liberdades", asevera.

"De vítima a verdugo"

Nesta liña, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, cualifica o xuízo “dunha farsa na que as vítimas son xulgadas" e ve "inaudito" que Pintos se vexa nesta tesitura "cando foi el o agredido e maltratado”.

Ademais, advertiu que a CIG non está disposta a dar “un paso atrás na defensa dos dereitos”: “Non impos permitir que se pretenda amedrentar e presentar como un problema de orde pública a loita por un posto de traballo digno e contra a vaga de recortes e empobrecemento xeneralizado que estamos a sufrir".

nova concentración na Audiencia

O xuízo contra Pintos continuará mañá, cando acudirán a testemuñar catro responsábeis do PP e tres das testemuñas da defensa. Con tal motivo, a CIG ten convocada unha nova concentración de delegadas e delegados diante da Audiencia que se desenvolverá entre ás 09.30 e ás 11.00 horas.