AUTOMOCIÓN

A CIG mobilízase en Vigo contra a precariedade na automoción

A CIG mobilízase en Vigo contra a precariedade na automoción
Mobilización da CIG en Vigo
Mobilización da CIG en Vigo  

Polo futuro do sector da automoción e contra a precariedade laboral mobilizouse arredor dun cento de delegadas e delegados sindicais da CIG en Vigo.


Máis de cen traballadores e traballadoras do sector da automoción mobilizáronse en Vigo baixo a convocatoria da CIG para chamar a atención sobre a perda de actividade no sector e contra a precarización das condicións laborais.

Así mesmo, esixiron ao goberno do Estado español e máis á Xunta de Galiza a activación de políticas que garantan futuro para a industria galega da automoción, sobre todo ante un contexto que esixirá transformacións no sector derivadas da implantación das innovacións tecnolóxicas e da posta en marcha da lexislación sobre cambio climático e transición enerxética.

"O fundamental é apostar por vehículos de valor engadido en vez de facelos de baixo custo", sinalou Bouzas

A marcha transcorreu entre o polígono do Caramuxo e as instalacións do grupo PSA Peugeot Citroën na Zona Franca de Vigo, con consignas contra a precariedade, a desindustrialización de Galiza e denunciando o negocio das empresas de traballo temporal neste sector.

Da mobilización tomaron parte o secretario xeral da central sindical nacionalista, Paulo Carril, e máis o secretario nacional da federación de Industria da propia CIG, Xoán Xosé Bouzas, quen apuntou que están a desenvolver unha campaña contra a desindustrialización e a precariedade nun “sector estratéxico para o noso país e fundamental para as bisbarras de Vigo e Ourense”.

Bouzas afirmou que o fundamental é apostar por vehículos de valor engadido en vez de facelos de baixo custo, poñendo en valor a fabricación de carros menos contaminantes como os híbridos, eléctricos e híbridos a gas; e máis o coche autónomo, de alto valor engadido, e no que a industria galega está a quedar nunha posición moi atrás a respecto doutros países.

Solicitaron á Xunta que informe sobre a cantidade das axudas públicas que quedan no país e cales se invisten en Portugal

Neste sentido, sinalou necesario que a Xunta informe sobre a cantidade das axudas públicas a este proxecto que quedan no país e cales se invisten en Portugal, que pola contra, si é un estado que está apostando de maneira estratéxica polo automóbil autónomo, informou Bouzas.

A CIG demanda elaborar unha estratexia galega do sector da automoción

Para acadar unha industria do automóbil forte e consolidada, Xoán Xosé Bouzas fixo fincapé na necesidade de elaborar unha estratexia galega de sector coa que poder afrontar os retos derivados da implantación da lei de cambio climático e transición enerxética, que suporá a desaparición dos motores diésel; así como contar cunha política enerxética de país que reduza os custos e permita maior competitividade mediante unha tarifa eléctrica galega; e tamén salientou a necesidade de implementar un plan de rexuvenecemento dos cadros de persoal para garantir o relevo no sector; e adaptar a formación profesional pública á nova realidade tecnolóxica en consonancia coa renovación que se derive da adaptación á industria 4.0 ou cuarta revolución industrial.

A CIG-Industria presentou xa un documento con propostas para afrontar os cambios e retos do sector

A CIG-Industria presentou xa un documento con propostas para afrontar os cambios e retos do sector, e ademais dos puntos expresados por Bouzas tamén inclúe propostas sectoriais como a creación dunha mesa galega do automóbil integrada polo Clúster de Empresas de Automoción de Galicia (CEAGA), as centrais sindicais e as tres universidades, así como o compromiso de todo o sector de non afondar na precariedade laboral, non abusando da contratación por ETT, multiservizos ou centros especiais de emprego, ademais doutras medidas como é a aplicación do convenio sectorial ou da empresa principal a todas as traballadoras e traballadores do sector.