REUNIÓN EN MADRID

A CIG pide á ministra de Traballo a derrogación das reformas laborais

A CIG pide á ministra de Traballo a derrogación das reformas laborais

Unha delegación da central nacionalista reuniuse en Madrid con Magdalena Valerio, á que instaron a impulsar unha nova “lexislación laboral e social”.


Levaba tempo a CIG solicitando unha reunión coa ministra de Traballo sen que esas peticións tivesen resposta. Un silencio que, ademais, viuse coroado coa non convocatoria da CIG por Magdalena Valerio cando estivo en Galiza e se reuniu co resto de sindicatos (CCOO e UXT). “O goberno español non pode seguir negando a existencia dunha realidade sindical plural, imparábel e incontestábel”, denunciara o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, lembrando que este sindicato era x nesa altura a primeira forza sindical galega “en representación, en afiliación, en capacidade mobilizadora e en incidencia”.

Esta quinta feira, a ministra de Traballo recibiu en Madrid unha delegación da CIG, na que canda Paulo Carril estaban a secretaria de Organización, Susana Méndez, e o secretario confederal de Negociación Colectiva, Francisco González Sío. O sindicato trasladou á ministra a súa preocupación polo “enorme retroceso” nos dereitos individuais e colectivos da clase traballadora en materias como contratación, despedimento, xornada, salario ou mesmo cumprimento, ou negociación, dos convenios colectivo. Nesta liña, instou a ministra de derrogar as reformas laborais e de pensións e a impulsar unha nova lexislación laboral e social.

Medidas como a eliminación das cadeas de subcontratas, a reversión dos servizos privatizados ao público, a eliminación da figura do falso autónomo, así como das ETT e das axencias privadas de colocación ou a xornada laboral de 35 horas, entre outras, foron algunhas das demandas defendidas polo sindicato.

Alcoa, pensións e o “desmantelamento da negociación colectiva e os intentos obsesivos de centralización, de estatalización das relacións laborais” foron outras das cuestión expostas polo sindicato na xuntanza coa ministra.  



x