A CIG prepara concentracións “contra a represión” e en defensa do dereito de folga

A CIG prepara concentracións “contra a represión” e en defensa do dereito de folga
[Imaxe: CIG] Rolda de prensa presentación das mobilizacións
[Imaxe: CIG] Rolda de prensa presentación das mobilizacións  

O lema será ‘Non hai represión que parte a loita obreira’ e terán lugar os días 15, 28, 29 e 30 de outubro diante dos xulgados de Vigo


“Non nos amedrentarán coa aplicación da Lei Mordaza por parte do PSOE a través da Delegación e das Subdelegacións do Goberno”. Así de concluínte estivo esta cuarta feira 9 de outubro o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, na rolda de prensa que tivo lugar en Vigo e coa que a central sindical quere responder ao que considera un “intento de utilizar tanto o sistema xudicial como os instrumentos que ten a Delegación do Goberno para tratar de silenciar esta resposta e de impoñer un determinado relato da realidade”.

A resposta aos casos que levaron aos xulgados sindicalistas da CIG virá da man dunha convocatoria de concentracións que, co lema de “Non hai represión que parte a loita obreira”, defenderán o dereito de folga e mobilización.

As concentracións terán lugar diante dos xulgados de Vigo os vindeiros días 15, 28, 29 e 30 de outubro. O seu epicentro coincidirá co xuízo ao que se enfronta o ex secretario comarcal de Ferrol Xesús Anxo López Pintos

A mobilización e a folga como ferramenta de loita

O propio secretario xeral da central nacionalista, Paulo Carril, explicou que a campaña exixe a anulación da Lei Mordaza e do artigo 315.3 do Código Penal. “Temos que saír á rúa a defender a mobilización e a folga, que son as principais ferramentas que temos a clase traballadora para defender os nosos dereitos”, apunta.

Carril critica que o PP “utilice os resortes que ten na súa man para asañarse nesta estratexia de empobrecer a clase traballadora, vulnerar os nosos dereitos e cencenar a capacidade de poder exercer liberdades democráticas e fundamentais como neste caso o dereito á folga”.

Por último o secretario xeral da CIG censura que nos informes da Fiscalía se faga “unha lectura arrepiante que rezouma unha posición moi reaccionaria, xa que se relaciona a folga cos actos vandálicos e de boicot, impedindo o exercicio normal da actividade laboral, cando isto é precisamente o sentido das folgas”.

Xuízos contra sindicalistas da CIG

Para explicar algúns dos casos participaron na rolda de prensa Suso García, secretario comarcal da FGAMT-CIG de Vigo e Transi Fernández, secretaria nacional da CIG-Servizos.

O responsábel de Transportes da FGAMT-CIG de Vigo, Carlos Martínez Lamosa, está acusado de facer unha pintada durante o conflito polo convenio de ambulancias, cuxo xuízo terá lugar a próxima terza feira 15 de outubro. O sindicato convocou unha concentración de apoio diante do edificio xudicial ás 10:30 horas.

O secretario comarcal da FGAMT-CIG de Vigo, Suso García, relata que “levabamos dous anos negociando o convenio con xuntanzas cada tres ou catro meses”. O sindicato comezou a convocar mobilizacións e nunha delas apareceu unha pintada en Baiona. “Está claro que este tipo de represión á que o capital nos quere acostumar é para amedrentarnos e que non reclamemos os nosos dereitos”.

O segundo dos xuízos ten relación co conflito na cafetaría do Meixoeiro. En 2010 a empresa Oh Vigo fíxose coa súa xestión a través de irregularidades, segundo denunciou a propia CIG. “Cando se fai coa xestión tivo que subrogar o persoal, comezando a partir de aí o calvario para o persoal”. As mobilizacións foron importantes, mesmo cunha acampada.

Transi Fernández, secretaria nacional da CIG-Servizos, apunta que o propietario da empresa, Javier Valverde, “para nós é un terrorista patronal” pola grande débeda que deixou con Facenda e co propio hospital. Malia gañar as traballadores e traballadores os xuízos o empresario presenta tamén “denuncias falsas contra todas as traballadoras que rescindisen o seu contrato, acusándoas de coaccións por estar mal psicoloxicamente e que tivo que gastar moitos cartos na súa saúde”. Fernández explica que “o problema é que o xuíz lle fai caso e pasa o tema ao Penal e hai varias traballadoras e traballadores imputados coa petición de entre 10 meses e case catro anos de cadea e unha multa que ascende en total a case 800.000 euros”.