CIG reforza o seu posto de primeira forza sindical en Ferrolterra

CIG reforza o seu posto de primeira forza sindical en Ferrolterra

Obtivo o 34% da representación na comarca, sendo a central máis votada nas federacións de Administración, Construción, Sanidade, FGAMT e Servizos. Acadou o segundo lugar en  Industria, Ensino e Banca.


A CIG obtivo o 34% dos delegados no periodo concentrado de eleccións sindicais na comarca de Ferrolterra, un 0,75% máis que no periodo anterior. Unha porcentaxe que consolida a central nacionalista como a primeira nesa comarca do norte do país, por diante de UGT (29,5%) e de CCOO (24,7 por cento). A CIG foi a máis votada en sectores como Construción, Sanidade, Servizos, Administración ou Fegamt. A central nacionalista acadou o segundo lugar nas Federacións de  Industria, Ensino e Banca.

Unha situación que se reflicte no feito de que neste último período de eleccións elixíronse na comarca 492 delegados e delegadas menos; un descenso do 36% a respecto do período anterior. Unha caída que se deixou sentir en todos os sectores aínda que con maior incidencia na Construción (-51.3%), a Banca (-50%) e a Industria (-40.09%). Porén, o sector Servizos tampouco resultou alleo a este declive cun descenso no número de representantes a escoller que acadou o 33.37%.

Para a Unión Comarcal de Ferrol, estes resultados veñen recoñecer “que houbo unha aposta das traballadoras e dos traballadores desta comarca polo sindicalismo que representa a CIG. Este resultado danos azos para seguir traballando e afondando no noso proxecto sindical”.