CIG-Saúde di que as 407 prazas anunciadas polo Sergas non son de nova creación

CIG-Saúde di que as 407 prazas anunciadas polo Sergas non son de nova creación
Protesta persoal Hospital do Salnés [Imaxe: CIG]
Protesta persoal Hospital do Salnés [Imaxe: CIG]  

A central sindical cre que é unha comunicación propagandística e lembra que no sistema sanitario público galego hai máis de 5.000 prazas con contratos eventuais e precarios


CIG-Saúde vén de denunciar que a comunicación do Sergas de crear 407 prazas nos orzamentos de 2020 ten unha intencionalidade propagandística. “Son prazas que na actualidade xa existen amortizadas coa taxa de reposición e que agora estaban cubertas con contratos eventuais”, sinala a secretaria nacional de CIG-Saúde, María Xosé Abuín, “o que fan é recuperalas para que computen no cadro de persoal”.

A secretaria nacional de CIG-Saúde lembra que no sistema sanitario público galego hai máis de 5.000 prazas cubertas por persoal con contratos eventuais e precarios que deberían ser as que estes orzamentos recollesen como persoal interino para rematar coa precariedade laboral existente.

Con este anuncio o Sergas “segue a condenar ao persoal á precariedade laboral, obrigando a presentarse ás distintas ofertas de emprego por non poder acceder a un posto de traballo de carácter fixo”, explica Abuín.

CIG-Saúde estudou as cifras anunciadas polo Sergas e sinalan que das 407 prazas, 133 son, segundo se anuncia, para persoal facultativo. “Se dividimos o número de prazas entre as diversas especialidades estamos falando de 3 prazas por especialidade médica para todo o sistema sanitario público de Galiza”, explica a secretaria nacional de CIG-Saúde.

Abuín indica ademais que as 274 prazas restantes “se as dividimos entre o número de categorías profesionais, todas elas con persoal contratado en precario, non chegan nin a 5 en todo o Sergas”.