XORNADA DE ASEMBLEAS E CONCENTRACIÓNS

CIG sitúa na mobilización social e a negociación colectiva a chave para recuperar dereitos sociais e laborais

CIG sitúa na mobilización social e a negociación colectiva a chave para recuperar dereitos sociais e laborais

"Estamos nun momento no que, ou empurramos a mobilización social ou dificilmente poderemos frear a pobreza e a precariedade laboral, os ataques ao sistema público de pensións, o desmantelamento do noso tecido produtivo ou mesmo o auxe da extrema dereita". O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, dirixiuse así aos delegados e delegadas asistentes á asemblea do sindicato nacionalista da Coruña, unha das que se realizou ao longo da cuarta feira en diferentes comarcas do país.

Foron asembleas e concentracións convocadas para afondar no roteiro do sindicato para 2019,que pasa pola defensa do sistema público de pensións e para esixir a derrogación das reformas laborais, da negociación colectiva e das pensións “como única vía para garantir a recuperación dos dereitos roubados á clase traballadora baixo a escusa da crise”. Dende a CIG lanzouse un chamamento a participar na manifestación que a central ten convocada o domingo 26 de xaneiro, ás 12 horas, en Compostela por unhas pensións públicas e garantidas.

Carril sinalou que o goberno do Estado non está a dar sinais de querer afrontar  cambios substanciais “nas políticas neoliberais aplicadas até agora”, que posibiliten a recuperación dos dereitos roubados baixo escusa da crise. Puxo como exemplo os orzamentos xerais que o Executivo de Pedro Sánchez vén de aprobar "que constatan o maltrato histórico con Galiza" ou as últimas medidas adoptadas en materia de pensións públicas.

De aí que lanzara un chamamento "a rearmar unha resposta social sostida no tempo", tanto na rúa como a través da negociación colectiva, como única alternativa para reverter o empobrecemento da clase traballadora e os procesos de desindustrialización, "que hoxe teñen un claro expoñente na comarca da Coruña, co peche dos fornos de Ferroatlántica, o anuncio de Naturgy de clausurar a central de Meirama ou co lesivo preacordo asinado en Alcoa, que non garante nin o mantemento do 100% do emprego nin a reactivación das cubas de electrólise".

A secretaria confederal das Mulleres da CIG, Marga Corral, participou na asemblea de delegados e delegadas de Vigo para falar da conmemoración do vindeiro 8 de Marzo, Día Internacional da Muller Traballadora. Corral incidiu en primeiro lugar na importancia de enfocar a celebración como unha data de combate. Lembrou que a CIG ten convocada para esa xornada unha folga de mulleres de 24 horas.