SEGURIDADE LABORAL

A CIG de Vigo exixe á Zona Franca que corrixa as ameazas á seguridade dos traballadores

A CIG de Vigo exixe á Zona Franca que corrixa as ameazas á seguridade dos traballadores
[Imaxe: CIG] Entrega do documento no rexistro.
[Imaxe: CIG] Entrega do documento no rexistro.  

Representantes da CIG rexistraron esta segunda feira un escrito dirixido ao delegado do Consorcio Zona Franca Vigo solicitándolle unha xuntanza para abordar unha solución ás problemáticas en materia de seguridade viaria existentes no polígono de Balaídos.

Entre outras cuestións, o sindicato advirte dos problemas derivados da falta de aparcadoiro, do estacionamento indebido de vehículos en carrís de circulación, da escasa ou nula iluminación nalgúns tramos, da ausencia de accesos peonís seguros, da inexistencia de marquesiñas para esperar o transporte público, e da sinalización deficiente ou as malas condicións do firme nalgunhas zonas.

Como consecuencia destas eivas, mantén a CIG, xa se produciron este ano "numerosos incidentes e algúns accidentes" nas vías de acceso e nos arredores do recinto da Zona Franca de Balaídos.