CIG de Vigo unha campaña co lema 'SOS Vigo: polo futuro industrial da comarca, emprego digno e servizos públicos'

CIG de Vigo unha campaña co lema 'SOS Vigo: polo futuro industrial da comarca, emprego digno e servizos públicos'
Alberte Gonçalves, no medio, na rolda de impresa de presdentación da campaña (CIG).
Alberte Gonçalves, no medio, na rolda de impresa de presdentación da campaña (CIG).  

A central sindical nacionalista inicia unha campaña para implicar a todo o tecido asociativo en defensa dos sectores máis afectados da bisbarra.


A CIG de Vigo anuncia o inicio dunha campaña de información e mobilización baixo o lema SOS Vigo: polo futuro industrial da comarca, emprego digno e servizos públicos para denunciar a grave crise industrial que está a vivir a bisbarra e facer públicas as alternativas que propón a central.

O secretario comarcal da CIG-Vigo, Alberto Gonçalves, explica a Sermos Galiza que “hai que reverter unha situación de extrema gravidade pola destrución de tecido produtivo e emprego que pon en risco a continuidade de actividades estratéxicas para a bisbarra”.

Datos alarmantes

Desde o sindicato afirman que os sinais desta crise en toda a bisbarra son claros. Apuntan, por exemplo, que segundo datos da última EPA no segundo trimestre de 2019 na cidade hai 6.800 postos de traballo menos no sector industrial e na construción dos que había hai unha década.

 Na cidade hai 6.800 postos de traballo menos no sector industrial e na construción dos que había hai unha década

O secretario comarcal explica que en termos de PIB a comarca viguesa descendeu en 1,57% entre 2010 e 2016, mentres que a bisbarra da Coruña aumentou en 21,54% no mesmo período.

O Naval e a automoción no límite

Os sectores que máis preocupan a CIG-Vigo son o naval e a automoción, sen esquecer a sanidade. “O feche de Vulcano foi un golpe moi duro para a nosa comarca”, afirma Gonçalves a Sermos Galiza, “e agora chega o tema de Barreras e as auxiliares pode ser a morte definitiva do sector naval na nosa cidade”. A solución para a CIG-Vigo, é “a recuperación pública deste asteleiro por parte da Xunta que é quen ten competencias para facelo".

A proposta da central sindical para a recuperación do Naval pasaría por “dedicar Barreiras para a elaboración de buques e Vulcano a reparación” con todo o sector das auxiliares ao redor. No caso da automoción o secretario de organización de CIG-Vigo denuncia unha “contínua deslocación de parte das empresas para o norte de Portugal perdendo emprego”. Gonçalves explica a Sermos Galiza que “desde Citröen hai mensaxes de ter que abaratar e precarizar os salarios para competir”.

En termos de PIB a comarca viguesa descendeu en 1,57% entre 2010 e 2016, mentres que a bisbarra da Coruña aumentou en 21,54% 

A CIG-Vigo suma a estes sectores o da sanidade con casos como a venta de Povisa ou o desmantelamento de boa parte do Meixoeiro. “O Sergas debe mercar Povisa e que entre na rede de sanidade pública”, afirma o secretario comarcal da CIG-Vigo, “a mesma empresa que quere mercar Povisa está interesada en entrar na UTE do Hospital Álvaro Cunqueiro co aumento da privatización dese centro aínda máis”.

Marcha cidadá

Esta situación “preocupante” exixe respostas urxentes segundo o secretario comarcal da CIG-Vigo. Por este motivo a primeira forza sindical da comarca fico un chamamento a participar na manifestación convocada polo central nacionalista para a vindeira cuarta feira 30 de outubro en Vigo con saída desde a Vía Norte ás 20 horas.

“Queremos que sexa unha grande marcha cidadá, unha chamada de emerxencia que agardamos se converta nun clamor histórico nas rúas da cidade”, sinala Gonçalves, “para reclamar o noso dereito a vivir dignamente do noso traballo na nosa terra”.

Esta situación “preocupante” exixe respostas urxentes segundo o secretario comarcal da CIG-Vigo, Alberto Gonçalves

Medidas para atallar a situación

Diante esta situación desde a CIG propoñen, entre outras medidas, impulsar un plan industrial para a comarca, que inclúa a intervención pública en sectores estratéxicos, coa participación da Xunta ou a creación de empresas mixtas e asegurar o futuro do naval tomando o control público de Barreras e Vulcano.

En relación ao sector da Automoción sinalan a importancia de crear unha Mesa Galega na que figure o Cluster, as centrais e as tres universidades para impulsar un plan comarcal para a industria do automóbil no que se condicione toda axuda pública ao mantemento do emprego. Tamén apuntan á creación dunha tarifa eléctrica industrial galega para reducir os custes enerxéticos da nosa industria.

A central convocará nos vindeiros días os movementos sociais e o tecido asociativo para que se sumen e apoien a mobilización. Para a CIG é fundamental o apoio de toda a comarca e desde todas as plataformas e organizacións.

Para salvagardar o sistema sanitario público na comarca na CIG propoñen a absorción de Povisa para a súa integración na rede pública do Sergas e rescatar a concesión privada do Álvaro Cunqueiro, garantindo a atención sanitaria 100% pública, universal, gratuíta e de calidade e o mantemento do emprego.

Reunións cos movementos sociais e o tecido asociativo

A central pensa convocar nos vindeiros días os movementos sociais e o tecido asociativo para que se sumen e apoien a mobilización. Para a CIG é fundamental o apoio de toda a comarca e desde todas as plataformas e organizacións.

Neste sentido tamén achegaron a proposta a CCOO e UXT aínda que a resposta por parte destes sindicatos foi negativa. “Rexeitaron convocala conxuntamente connosco porque din que non é o momento”.

A CIG cre que non se pode agardar máis. “Hai que reclamarlles aos gobernos español e galego unha mudanza radical nas súas políticas e medidas reais e efectivas en favor da reindustrialización”. Logo destas mobilizacións, se non hai resposta institucional, desde CIG-Vigo non descartan a convocatoria de folga xeral na comarca.