CIG volve dar a batalla pola derrogación das reformas laborais

CIG volve dar a batalla pola derrogación das reformas laborais
Imaxe dunha mobilización da CIG
Imaxe dunha mobilización da CIG  Laura R. Cuba

Convoca asembleas e concentracións cara a unha mobilización para “forzar o goberno” a que cumpra con esa medida.


A demanda expresada no Primeiro de Maio e os resultados das últimas citas electorais confirman para a CIG a “inaprazábel e urxente necesidade” de que se derroguen as reformas laborais. A central nacionalista convoca asembleas e concentracións nas diferentes comarcas do país para este 6 de xuño co fin de visibilizar esa demanda. No decurso das concentracións farase entrega dun escrito dirixido ao presidente do Goberno e á ministra de Traballo, Migración e Seguridade Social.

“O próximo Goberno do Estado [...] non ten razóns nin xustificacións para non anulalas”, afirman desde a CIG. O sindicato indica que son anos os que se leva mobilizando pola recuperación dos dereitos “arrebatados” na crise a traballadoras e traballadores, nunha situación “que se prolongou no tempo consolidando a precariedade e a pobreza laboral”.

A central defende a mobilización como a ferramenta para recuperar eses dereitos e para “forzar o goberno” a que derrogue as reformas laborais. O modelo de relacións laborais nacido das reformas de 2010 e 2012, afirma, "supuxeron un golpe de estado aos dereitos laborais, sociais, da negociación colectiva e do sistema público das pensións".

Mobilizacións 6 de xuño

Lugo: Subdelegación do Goberno 12:30h

Pontevedra: Subdelegación do Goberno 12h

Vilagarcía: Diante do INEM 12h

Compostela: Praza de Galiza 12h

Vigo: Manifestación desde Os Capuchinos, (rúa Vázquez Varela) 12h

A Coruña: Delegación do Goberno 12:30h 

Ferrol: Edificio Xunta (Praza Amada García) 12h

Ourense: Subdelegación do Goberno 11:30h