De Citroën a Sergas: sete casos de loita das mulleres contra a desigualdade

De Citroën a Sergas: sete casos de loita das mulleres contra a desigualdade

A Secretaría das Mulleres da CIG impulsou unha campaña contra as discriminacións por razón de xénero no mundo do traballo. A primeira das mobilizacións será en Citroën.


A Secretaría das Mulleres da CIG ten en marcha unha campaña baixo o lema “Xa é hora de avanzar nos nosos dereitos” coa que se pretende visibilizar, denunciar, sensibilizar e combater as discriminacións que sofren as mulleres, polo feito de o seren, no mundo do traballo. “O obxectivo é sacar á luz a situación de desigualdade que sufrimos as mulleres, exemplificando con casos concretos (convenio colectivo, plan de igualdade, situación concreta na empresa ou sector…) en que consiste a discriminación e como lle dar resposta”, explicou Margarida Corral, do sindicato nacionalista.

Citroën: A primeira das mobilizacións será este día 11 na factoría viguesa para denunciar a vulneración de dereitos fundamentais após a imposición do “acordo sobre sistemas de organización en casos de redución de xornada” que limita o exercicio dos dereitos de conciliación do seu persoal.  Corral denuncia que “esta multinacional non só obriga o seu persoal a acollerse a unha redución de xornada, coa merma salarial que isto supón, para poder conciliar, imposibilitando unha concreción da xornada laboral flexíbel, senón que impide o dereito das traballadoras e traballadores a poder decidir a concreción horaria da súa xornada”.

Unisono: esta empresa do sector de centros de chamadas foi denunciada por denegar solicitudes de redución de xornada por garda legal, concretadas de segunda a sexta feira, pese a ofertar un posto de traballo neste horario.

Froiz: “Se tes quenda partida e solicitas reducir a tarde non cha aceptan e mándanche comezar a rotar en quendas semanas de maña e tarde. Ao cumprir as crianzas os 8 anos de idade chaman de Relacións Humanas para que fagan una renovación da redución (que agora é extensiva aos 12 anos) que aproveitan para modificar os horarios, especialmente nos casos en que as persoas teñan quenda única de mañá ou non traballen os sábados. Mesmo tivemos varias denegacións de remate do goce de redución de xornada, alegando que non tiñan necesidade de máis horas de contratación nesa tenda”.

Inditex: denega de xeito arbitrario a meirande parte das solicitudes de concrecións horarias das reducións de xornada e non aplica as medidas de flexibilización horaria da xornada sen reducila.

Pescanova: aquelas persoas con contrato a tempo parcial ligado a unha flexibilidade horaria en termos absolutos (días/horas 365 mañá, tarde, e noite) a empresa négalle o dereito á concreción horaria ao persoal con crianzas menores de 12 anos, empregando o argumento de que só se pode concretar o horario se hai redución de xornada. Cuestión que está nos tribunais pendente de resolver e da que a CIG se fará eco durante a negociación do seu plan de igualdade.

Grupo Norte: as traballadoras veñen mobilizándose nas últimas semanas en demanda de igual traballo, igual salario. Unha denuncia que se manterá nas vindeiras semanas, xa que non é o único caso de discriminación salarial por razón de sexo, vinculada á clasificación profesional, salienta a CIG.

Administración pública. Desigualdade e discriminación non só se dan só nas empresas privadas, senón tamén nas administracións públicas. Eis casos como o do Sergas, que segue a aplicar a lexislación anterior e só aceptan reducións de un terzo ou de media xornada. . “É moi común a denegación das reducións de xornada nos PAC ao coincidir varias persoas con crianzas a cargo. Alén diso, nos meses de verán auméntanlle a xornada xusto cando solicitaban reducir”, afirmou. Do mesmo xeito asegurou que o Consorcio denega sistematicamente a concreción horaria das reducións de xornada, impide a flexibilización sen concreción e mesmo as permutas para o persoal interesado en cambiar de lugar de traballo con crianzas a cargo.



x