“Ou coa empresa ou contra a empresa”: Coren despide un candidato sindical

“Ou coa empresa ou contra a empresa”: Coren despide un candidato sindical

Denúnciao a CIG, que inicia unha campaña contra o que cualifica como “represión sindical” e levará o caso aos xulgados. O sindicato afirma que a dirección da empresa está a chamar unha por unha e de xeito individual a cada unha das arredor de medio cento de persoas que integran a candidatura da central.


A CIG anunciou a posta en marcha dunha campaña contra a represión sindical no grupo ourensán Coren após o despido dun candidato da central ás eleccións sindicais. O secretario xeral do sindicato, Paulo Carril, explicou que ademais de recorrer xudicialmente a rescisión do contrato convocaranse protestas e faranse repartos informativos.

A central nacionalista afirma que a dirección de Coren  está a chamar unha por unha e de xeito individual a cada unha das arredor de medio cento de persoas que integran a candidatura da CIG para manter xuntanzas que duran até tres e catro horas, co obxectivo “de que renuncien a presentarse pola central e opten por facelo na candidatura que promove a empresa e que é a única con representación no comité”.

O traballador despedido afirmou que os problemas con Coren comezaron cando a empresa tivo que dar de alta no réxime xeral da Seguridade Social as persoas falsas autónomas dependentes da falsa cooperativa Servicarne após as denuncias da CIG. “Cando pasamos a formar parte do grupo entendemos que era o momento de comezar a traballar para ter unha representación sindical digna co obxectivo de lograr melloras laborais”. Cando a dirección tivo coñecemento destas intencións, "comezou a chamar os compañeiros e compañeiras para manter xuntanzas co departamento de recursos humanos”.

O traballador despedido sostén que Coren “baixo ningún concepto quería que a CIG tivese candidatura, polo que comezaron coas ameazas verbais dicíndonos que era mellor que nos presentaramos pola candidatura da empresa; ante a miña negativa chegan incluso a ofrecerme mellorar as miñas condicións laborais, pero como me sigo a opoñer optan por despedirme dous días despois da reunión”.

Segundo relata, no seu caso a xuntanza coa empresa prolongouse durante tres horas, “que remataron cunha frase que teño gravada: “O estás con la empresa o estás contra la empresa”. Ás 48 horas de dicirmo presentáronme a carta de despido; antes preguntáronme se me ratificaba no que lle dixera dous días antes, e como lles dixen que si, despedíronme”.

A central desenvolverá mobilizacións demandando que as eleccións na empresa se poidan celebrar respectando a liberdade sindical, ao tempo que presentará tamén denuncias diante da Inspección de Traballo para facer valer este dereito fundamental.