A comarca de Ferrol solidarízase con Pintos e pide a súa absolución

A comarca de Ferrol solidarízase con Pintos e pide a súa absolución
Presentación da campaña de apoio a Pintos [Imaxe: CIG]
Presentación da campaña de apoio a Pintos [Imaxe: CIG]  

Dezaseis comités doutras tantas empresas xa teñen asinado pronunciamentos como parte da campaña contra a represión sindical.


A campaña de solidariedade con Xesús Anxo López Pintos reuniu, até esta cuarta feira 23 de outubro, pronunciamentos de dezaseis comités doutras tantas empresas. Nesta recollida de apoios, iniciada pola CIG en contra da represión sindical, tamén se involucraron CCOO, UXT e CXT.

Pintos enfrontase a un xuízo os vindeiros días 12, 13 e 14 de novembro na Audiencia Provincial da Coruña pola súa participación nunha mobilización que no ano 2012 realizaron traballadoras e traballadores de Navantia e Poligal en defensa do emprego e da industria na comarca, coincidindo co acto de inicio da campaña electoral do PP. O comité de Navantia é un dos que xa ten amosado a súa solidariedade con Pintos e ademais tomou a decisión de chamar ao seu persoal a concentrarse nas portas do estaleiro coincidindo coa primeira xornada do xuízo.

As organizacións sindicais convocarán unha manifestación comarcal baixo o lema 'Contra a represión. Xustiza para Pintos' e os días do xuízo están previstas concentracións diante do edificio da Audiencia Provincial na Coruña.