O comité de greve da xustiza acusa Rueda de “mentir”

O comité de greve da xustiza acusa Rueda de “mentir”

Finaliza sen acordo unha nova xuntanza entre administración e sindicatos. O vicepresidente afirma que había un preacordo con catro centrais.


Continúa a greve da administración de xustiza, que xa supera os dous meses de duración. A xuntanza desta cuarta feira entre administración e sindicatos volveu acabar sen acordo e coas posturas cada vez máis enfrontadas. O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, afirmou que había un preacordo con 4 dos 7 sindicatos con representación e que todo acabou finalmente frustrándose.

Rueda recoñeceuse “perplexo" e "indignado" e cargou contra os sindicatos, aos que advertiu que a última proposta presentada esta cuarta feira (suba salarial mensal dos complementos retributivos autonómicos do persoal de xustiza que se traduciría en en 140 euros máis para os médicos forenses, 135 euros para xestores, 127 para tramitadores e 122 para os auxilios xudiciais. Aplicaríase en tres anualidades) perdeu "a súa validez". E quixo deixar "absolutamente claro" que non haberá "ningunha oferta a maiores".

Os representantes do sete sindicatos que están no comité de folga de xustiza –CIG, SPJ-USO, Alternativas na Xustiza-CUT, UXT, CSIF, STAJ e CC.OO.-- compareceron conxuntamente para reivindicar a súa "unidade" e acusaron Alfonso Rueda, de "mentir", á vez que esixiron o seu cesamento. "Non hai acordo e deixan aos galegos cun conflito por 12 euros", sentenciou Manuel González Carvajal (UXT).