APÓIASE NAS ÚLTIMAS REFORMAS LABORAIS

O Constitucional avala despidos por baixa laboral xustificada

O Constitucional avala despidos por baixa laboral xustificada
A sede do Tribunal Constitucional español. Foto: Wikipedia.
A sede do Tribunal Constitucional español. Foto: Wikipedia.  
Unha persoa traballadora que falte ao seu traballo máis dun 20% de días de forma xustificada poderá ser despedida. Esta é a conclusión do Tribunal Constitucional español, emitida este 29 de outubro e que se apoia nas dúas últimas reformas laborais, a de 2010 -baixo goberno do PSOE- e a de 2012 -baixo goberno do PP.

A sentenza do pleno do alto tribunal non foi unánime: houbo tres votos en desacordo redactados por catro maxistrados. Mais o documento final xustifica este ataque ao dereito das traballadoras na “liberdade de empresa e a defensa da produtividade”.

O Constitucional permite así ás compañías o denominado “despedimento por absentismo”, é dicir, a extinción dun contrato de traballo por causas obxectivas debidas a “faltas de asistencia ao traballo, aínda xustificadas pero intermitentes”. Responde a unha cuestión de inconstitucionalidade elevada por un xulgado de Barcelona.

O xulgado catalán preguntaba polo artigo 52 d) do Estatuto dos Traballadores, endurecido polas mencionadas reformas laborais, e que autoriza a despedir unha traballadora por causa obxectiva -cunha indemnización de 20 días por ano traballado- se falta ao seu posto o 20% dos días hábiles en dous meses ou o 25% en catro meses, aínda que as baixas estean xustificadas. O alto tribunal considera que tal norma “responde ao obxectivo lexítimo de protexer a produtividade da empresa e a eficiencia no traballo”.