Convocada a primeira folga na historia de Lavacolla que afecta a todos os sectores do aeroporto

Convocada a primeira folga na historia de Lavacolla que afecta a todos os sectores do aeroporto
Coordinadora comité intercentros.
Coordinadora comité intercentros.  

Afectará todo o persoal de todas as empresas que traballan no aeroporto: AENA, compañías aéreas, limpeza, mantemento, seguridade privada, servizos auxiliares, etc., que suman un colectivo de arredor de 1.000 persoas.O conflito deriva do feche da cantina para os traballadores e traballadoras.


A coordinadora do comité intercentros do aeroporto Rosalía de Castro de Compostela, coñecido tamén popularmente como Lavacolla, informou que a asemblea de persoal acordou a convocatoria de varias xornadas de folga parcial en agosto e setembro para esixir que se manteña o servizo da cantina en condicións similares ás se veu prestando dende hai máis de 60 anos

Pablo de Prado, en representación do comité, denunciou que o director de aeroportos do Grupo II, Julián Cámara, negouse a recibir a coordinadora (que representa a todo o persoal de todas as empresas que prestan servizos no Rosalía de Castro) e só aceptou reunirse co comité de centro de AENA. "Solicitamos a reunión para pedirlle que cumprira coa Proposición Non de Lei aprobada por unanimidade no Parlamento galego ".  A través desa PNL,a Cámara galega instou a empresa pública a que manteña a cantina do persoal cuns prezos similares e nas mesmas condicións que tiña.

O representante sindical reiterou que a única demanda do persoal é que se manteña o servizo de cantina, que leva 64 anos ininterrompidos funcionando no aeroporto de Santiago.

AENA e a empresa concesionaria tiveron en 2018 uns beneficios de por volta de 1500 millóns de euros

Advertiu que a folga afectará a todo o persoal de todas as empresas que traballan no aeroporto: AENA, compañías aéreas, limpeza, mantemento, seguridade privada, servizos auxiliares, etc., que suman un colectivo de arredor de 1.000 persoas.

A cantina é a pinga que reborda o vaso. O cadro de persoal denuncia “recortes inxustificados por parte de AENA “na práctica totalidade dos servizos dependentes. “Algúns deles moi graves, como a non cobertura do servizo de enfermería nun aeroporto que permanece aberto 24 horas e que conta con 3 millóns de pasaxeiros”. Tamén denunciaron a privatización do aparcadoiro, que supuxo que os empregados teñan que pagar por ir ao seu posto de traballo.

A isto engaden a sobrecarga de traballo das diferentes contratas: limpeza, seguridade, etc., que manteñen os mesmos cadros de persoal que tiñan na antiga terminal a pesar de que a nova ten o dobre de superficie e un millón máis de pasaxeiros. Así como o incumprimento das empresas de handling na cobertura dos postos de traballo establecidos no prego de AENA.