Convocan greve indefinida na recollida de lixo de Vigo

Convocan greve indefinida na recollida de lixo de Vigo

O comité de FCC, concesionaria do servizo de recollida do lixo e limpeza viaria do Concello de Vigo, convocará greve indefinida a partir do 13 de xullo para rexeitar a intención da empresa de facer recortes dereitos sociais e denunciar o inmobilismo da dirección á hora de negociar o convenio colectivo.

A representación do persoal (CIG, USO e CCOO) explica que as negociacións comezaron o 5 de maio mais que desde a empresa non dan pasos: “Cando dous negocian e un non quere poucas cousas se poden conseguir”. Os representantes informaron en asemblea aos traballadores (o cadro de persoal fórmano 600 persoas) do inmobilismo da dirección:  “Explicámoslle o que estaba a suceder e propuxémoslle a posibilidade de convocar folga, proposta que saíu adiante por ampla maioría”. Con todo, a representación sindical convocará unha nova asemblea conxunta esta segunda feira para que a totalidade do persoal ratifique a greve indefinida.

Principais atrancos

Entre os principais atrancos para formalizar un novo convenio salientan desde os sindicatos a duración do mesmo, a suba salarial e os dereitos sociais. A empresa quere pactar un convenio a dous anos, que contempla un incremento de soldos de 1% “pero a conta de conxelar a antigüidade, retirar os complementos de incapacidade temporal e restrinxir a certo persoal as melloras sociais das que agora gozan o conxunto dos traballadores”, aspecto este último que consideran moi grave.

Nos dereitos que pretenden recortar inclúese o seguro de vida do que dispoñen todos os empregados, así como reducións na axuda familiar por persoas con discapacidade ao cargo que contempla o actual convenio. A dirección de FCC quere eliminar tamén a bolsa de emprego mediante a que o persoal de fin de semana cubre, en base á antigüidade, as baixas que se producen na empresa por xubilación.